So gañán os distribuidores

Preguntábanme o outro día onde estaban os nosos labregos, que xa hai anos que non saen cos tractores nin en manifestación. Sequera protestan desde que era Conselleiro de Agricultura Suárez Canal. Viven tan ben agora?, inquiríanme. Xa case non quedan labregos, respondín. Galiza pasou de máis de 100.000 explotacións lácteas cando Fraga chegou a presidente a só 9.908. Aínda así, segue producindo o 40 % do leito do estado español.

Aqueles fillos e netos dos labregos que berraban a fins dos anos setenta “nós non somos empresarios, fora a Cota Empresarial”, agora, seguindo os designios do capital, si que se fixeron empresarios. Pero viven peor ca vivían daquelas. As súas explotacións son menos eficientes e rendíbeis por máis que multiplicasen a súa cabana por dez ou por vinte, que construísen grandes cortes, que se equipasen coas muxidoras máis modernas e que, seguindo a modernidade, se botasen en brazos do monocultivo e do penso industrial. A maioría das veces, reestruturaron a explotación cun forte endebedamento, até para mercar unha cota láctea que, o ano que ven, desaparece.

Como pode ser? O prezo do leite foi caendo en picado mentres as materias primas, pensos, combustíbeis, abonos, etc, aumentaban de xeito exponencial. Subiu o que teñen que mercar, diminuíu o que teñen que vender. Os becerros, unha boa fonte de ingresos antes, agora non os queren nin regalados. Serán os tempos? Pois non. Na Galiza páganlle o leite dous céntimos menos de media que no resto do estado. No mes de setembro 33 céntimos/litro, fronte aos 35, por exemplo.

Ao ritmo que se pechaban explotacións, Galiza tamén perdía as súas principais industrias lácteas e, ao mesmo tempo, multinacionais estranxeiras copaban as cadeas de distribución.

Daquelas xa advertíamos o que ía pasar. As empresas de distribución alimentaria usan o leite como produto reclamo nos supermercados, mesmo a perdas. Carrefur ou Alcampo venden o leite un 40% máis caro nas súas tendas de Francia que na Galiza. Ningunha das súas superficies usa o leite como produto oferta no país dos galos.

Dáse a circunstancia que estas empresas de distribución multinacional teñen como accionistas a moitas explotación lácteas francesas, así que utilizan a distribución para impoñer os seus intereses nos mercados. Pero a venda dos produtos á baixa non é ilegal? Efectivamente, é unha práctica prohibida polas normas comunitarias.

Por que non se remedia? Porque a Xunta leva anos cunha política suicida. Porque o Estado defende outros intereses (cítricos, froitas e hortalizas) nas negociacións… Porque nin sequera quedan case labregos que podan castigalos cos seus votos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar