Womex comeza hoxe cun concerto no Auditorio de Galicia

Womex14 abre hoxe mércores cun concerto especial para delegados no Auditorio de Galicia, ás 19.30. O Opening Concert, dirixido por Xosé Manuel Budiño, inspírase no Camiño de Santiago como ruta que favoreceu o intercambio e o diálogo de culturas e tradicións.

O Opening concert de Womex 14, “Compostela – The Roots, The Way”, patrocinado pola Fundación SGAE e AGADIC, dá unha mostra da máis selecta e destacada música da rexión ibérica, subliñando a diversidade das influencias musicais de Galicia. Dirixido por Xosé Manuel Budiño, conta cos galegos Mercedes Peón e Xabier Díaz, e tamén cun artista de Madrid que se inspira no flamenco e no jazz, Jorge Pardo; co cantante portugués de fados António Zambujo; co grupo vasco de txalaparta Oreka TX; e co virtuoso do timple canario Germán López.

Mercedes Peón é considerada unha das mulleres máis carismáticas no circuíto da “world music”. Formouse escoitando cantar ás mulleres da Costa Da Morte con 13 anos. Empezou a tocar a pandeireta e cantar a “ribeirana”, e a recoller cantares, bailes, historias e experiencias da xente nas vilas e aldeas galegas. Despois de formarse na tradición galega por máis de 25 anos, no 2000 gravou o seu primeiro álbum, “Isué”. Despois viñeron “Ajrú” no 2004 e “Sihá” no 2007, e a finais do 2010 o seu cuarto álbum, “(Sós)”, música de vangarda, madura, fresca, sorprendente e creativa. A finais do 2012 comeza unha aventura coa banda polaca WVB. Participou nunha xira por Polonia que resultará nun novo disco a finais do 2014. Estarán ela e Ana García coas voces e percusión, Manuel Cebrián coa guitarra e voz e Manuel Alonso con sampler e voz.

O timple é, sen dúbida, o máis signiticativo instrumento das Illas Canarias, vinculado por moitos anos coa súa música folk. Germán López comezou a experimentar sons alternativos con el, integrando o timbre deste instrumento nos sons doutras culturas musicais. No 2006 gravaron o seu primeiro álbum, «Timplissimo». Rematando o 2007, participou no festival WOMAD en Las Palmas de Gran Canaria. Desde entón estivo de xira nas Illas, e tocou en lugares coma a Exposición Internacional de Zaragoza (2008), o Mercat de Música Viva de Vic, ou a WOMAD de Cáceres 2014, por mencionar uns poucos. O proxecto musical que Germán lidera mestura folk, jazz, “world music”, clásica, funky, flamenco… “De Raíz” é o seu novo traballo. Estarán Germán López ao timple e Antonio Toledo á guitarra.

António Zambujo naceu en Beja (O Alentejo-Portugal), e medrou escoitando o «Cante Alentejano», que lle influiría moito na súa educación musical. «O mesmo fado»(2002) , o seu primeiro álbum, levou o premio á «Mellor nova voz do fado». O segundo, «Por meu cante»(2004), mergúllase nas raíces do Alentejo, recollendo vellas cancións da súa rexión nativa e mesturándoas coas novas tendencias do fado. Obtivo o premio Amália Rodrigues na categoría de “Mellor cantante masculino de fado»(2006). Con «Outro Sentido»(2007) e «Guia» (2010), António Zambujo continuou a xirar por Europa e o Brasil, e estivo na lista dos des mellores concertos internacionais do ano, seleccionados pola sección cultural do xornal “O Globo”. «Quinto»(2012) é o primeiro álbum rexistrado baixo o selo Universal Music Portugal.

Jorge Pardo é unha das figuras máis recoñecidas internacionalmente na fusión do flamenco co jazz. O seu estilo á frauta e ao saxo converteuse nun modelo de referencia. Entrou no flamenco con Paco de Lucía, e gravou con Camarón en «La leyenda del tiempo» e outras producións. Viaxa cos seus espectáculos a numerosos festivais, e escenarios dos cinco continentes. Leva máis de 30 anos de traxectoria profesional, e foi recoñecida co Premio Europeo ao Mellor Músico de Jazz, da prestixiosa Academia Francesa do Jazz, que recibiu no 2013 en París. Jorge Pardo tocará a frauta e o saxo acompañado por Josemi Carmona á guitarra, Bandolero á percusión e Pablo Báez ao contrabaixo.

Xabier Díaz mestura a súa faceta de músico e compositor cunha ardua actividade como investigador do folklore Galego. Como resultado, editou “Coplas para Icía” (2007). Foi o cantante principal da banda de Nova Galega de Danza, interpretando “Alento”, “Engado” and “Tradicción” por toda a Península. Uniuse a Berrogüetto no 2008, e gañou varios premios con esta banda.Participou con Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero no proxecto “aCadaCanto”. Tocou en México, Zimbabwe, Alemaña, Uruguai, Italia ou Perú. Actualmente traballa no seu novo disco, que sairá en 2015, un ambicioso proxecto con doce cantareiras, acordeón e zanfona. As cancións populares son recuperadas a través dunha reinterpertación creativa da música tradicional galega. Neste concerto Xabier Díaz toca a pandeireta e canta, Gutier Álvarez toca a zanfona, e estarán tamén Adufeiras de Salitre coas súas voces e percusión.

Oreka TX é un dos principais grupos a promoveren a txalaparta, un instrumento musical feito de diferentes táboas de madeira montadas sobre un soporte, tocado por dous músicos alternativamente. Harkaitz Martinez de San Vicente e Mikel Ugarte son os músicos de Oreka TK. Tocaron con Kepa Junkera, Pat Metheny, Alasdair Fraser, Hendingarna, Dulce Pontes… Oreka TX publicou tres álbumes, o ultimo, “Silex” , focalizado na pedra como material para tocar música. Desenvolveron tamén múltiples proxectos, coma “Nömadak TX”, que inclúe un multipremiado documental, e multidisciplinares espectáculos con músicos, bailaríns e cantantes, coma “Hostoak” e o seu último espectáculo, “Herritmo”, no que traballan unha visión artística dos deportes rurais vascos. Para Oreka TX a txalaparta non é só un instrumento: é unha actitude, unha forma de conectar e achegarse máis ao outro, para crear unha música que nunca lle pertence a un só músico. Tocarán a txalaparta Harkaiz Martínez e Mikel Ugarte, Juanjo Otxandorena o bouzouki e Mixel Ducau alboka e saxo.

Budiño é un artista atípico: compositor incansable, toma as raíces da súa música na tradición galega mesturándoa cos sons máis contemporáneos. Ata agora publicou seis discos (“Paralaia”, “Arredor”, “Zume de terra”, “Home”, “Volta” e “Sotaque”, todos eles recoñecidos en todo o mundo pola crítica especializada e con premios de renome. Budiño actuou en escenarios de todo o mundo coma Teatro da Ópera de Damasco (Siria), Auditorio da Unesco do Líbano (Beirut), Centro Cultura Real de Aman (Xordania), Auditorio do Conservatorio de Shanghai (China), Plaza del Zócalo (México), Teatro Paseo La Plaza de Buenos Aires (Arxentina), ou Teatro Mayor de Bogotá (Colombia). Neste concerto estarán Budiño á gaita e frauta, Isaac Palacín á percusión, Fernando Barroso ao bouzouki e Begoña Riobó ao violín.


PROGRAMACIÓN ABERTA AO PÚBLICO

Este concertó, que durará ata as doce da noite aproximadamente, servirá como apertura para os miles de profesionais inscritos en WOMEX 14, e dará comezo a catro días de intensa actividade musical na cidade. O 23, 24 e 25, a feira profesional, con concertos durante o día, conferencias, encontros ou cine, continúa na Cidade da Cultura, pero tamén haberá concertos abertos ao público: da Selección Oficial no Auditorio Abanca e a Praza da Quintana; da sección Atlantic Connections, que pon en diálogo as músicas das dúas beiras do Atlántico, no Teatro Principal; do off Womex no Salón Teatro; e das dúas sesión de DJ Summit na Sala Capitol, venres e sábado.

Para todos estes showcases hai un bono de 55 euros á venda, que se pode obter a través de Abanca, e permitirá acceder aos 45 concertos e 5 sesións de DJ. Tamén hai entradas individuais para cada día na Praza da Quintana, e gozar de catro horas e seis grupos de músicas do mundo por 20 euros.

Ademais, por primeira vez este ano, Womex abre ao público parte da programación cinematográfica, e proxectaranse tres filmes no CGAC coa entrada gratuíta ás seis da tarde do xoves, venres e sábado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar