Comeza «Músicas no Camiño»

 

 

 

 

 

 

Músicas no Camiño de Santiago_Nava Castro_1

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Armando Morales, inaugurou hoxe o ciclo “Música no Camiño” que comprende trece concertos dende hoxe ata o 21 de decembro.

Este ciclo de actuacións de bandas de música populares constitúe un agradecemento aos numerosos peregrinos que veñen a Santiago de Compostela como etapa final do Camiño. Deste modo, despois da misa do peregrino, os camiñantes poderán deleitarse durante unha hora con estes concertos sen ter que realizar ningunha reserva previa e sen ningún tipo de custe. “É un pequeno xesto para gratificar o esforzo e o sacrificio realizado durante todo o Camiño a todos aqueles peregrinos que realizan a Ruta Xacobea”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Segundo afirmou Nava Castro, o ciclo, ademais, contribuirá á divulgación, defensa, asesoramento e promoción das Bandas Populares da nosa comunidade en particular e a música galega en xeral.

A directora de Turismo de Galicia salientou que as Rutas Xacobeas están a experimentar un auxe constante e este ano estanse a bater récords dun Ano non Santo. No que vai de ano mais de 220 mil peregrinos recibiron a Compostela, o que supón un aumento en torno ao 10% con respecto ao pasado ano. “Ademais neste ano están a chegar mais peregrinos estranxeiros que españois polo que grazas ao ciclo de Bandas de Música mostramos a nosa cultura e tradicións”, explicou Nava Castro.

Musica no Camiño de Santiago_Nava Castro_2

 

“Música no Camiño” é outra das iniciativas integradas na programación do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou que “esperamos que teña o mesmo éxito alcanzado ata o momento por outros eventos como as exposición San Francisco e o Belén ou a de Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago que pecharon as súas portas nesta cidade con máis de 28 e 30 mil visitantes respectivamente”.

Neste momento, no marco desta efeméride, ademais deste ciclo de bandas de música popular tamén é posible ata finais de novembro visitar a exposición On The Road no pazo de Xelmírez e na igrexa e no cemiterio de Bonaval ou degustar o Menú Peregrino de Asís a Compostela realizado en colaboración con Paradores exclusivamente para a conmemoración deste centenario.

Calendario de actuacións
• 19 de outubro: Banda da Escola de Música de Rianxo
• 26 de outubro: Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla
• 2 de novembro: Banda de Música Xuvenil de Xinzo
• 8 de novembro: Banda de Música de Ortigueira
• 9 de novembro: Banda de Música Unión de Lantaño
• 16 de novembro: Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros
• 22 de novembro: Banda Filarmónica de Lugo
• 23 de novembro: Banda Municipal Xuvenil de Rábade & Begonte
• 30 de novembro: Xove Banda de Narón
• 6 de decembro: Banda de Música Unión de Guláns
• 7 de decembro: Banda de Música Popular de Rubiós
• 14 de decembro: Agrupación Musical de Vincios
• 21 de decembro: Unión Musical de Valladares
Os concertos realizaranse na Praza da Inmaculada ou en San Martín Pinario despois da misa do peregrino da catedral. Empezarán ás 13:00h e durarán aproximadamente unha hora.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar