O espolio das caixas

Nin se vían nin se notaban. Por iso os cartóns opacos de Caixa Madrid teñen moito máis aquel do que semella. Constituían unha especie de sobresoldo que o presidente controlaba segundo necesitara o apoio dos conselleiros. Pero tamén eran unha forma de financiar a partidos políticos e sindicatos españois. Así que estes, que van agora de incrédulos, cortando cabezas, si tiñan coñecemento e se lucraban do método.

Nas caixas galegas seica non existían estes cartóns máxicos. Iso afirman os seus directivos. Tamén o Goberno. Pero si existían outros xeitos e maneiras de conseguir máis ou menos o mesmo. Prácticas que é necesario investigar, aclarar e, logo, obrar en consecuencia.

Aquí non mandaban os políticos como queren facer ver, senón unhas familias que, pouco a pouco, desde o franquismo, se viñeron apoderando das caixas de todos gobernándoas coma se fosen unha empresa propia. No norte e no sur.

Así que o primeiro que hai que depurar son as responsabilidades do sorteo polo que os representantes dos impositores accedían aos órganos das caixas.

De fadados nada. Simplemente se escollían a dedo. Algúns aparecían nun mandato e tiñan a sorte de cara durante vinte ou máis anos. Outros, tocáballes a representación e, casualidade, eran nomeados, por exemplo, vicepresidentes.

Logo de situar nos máximos órganos ás persoas de confianza, chegaban as compensacións. É necesario comezar por investigar os créditos ventaxosos autoconcedidos e os impagados. Tamén eses créditos dados a familias e empresas relacionadas con altos cargos a intereses baixos. Chega con ollar o auxe dalgunhas pequenas empresas que se situaron no cumio do sector. Cotexar o despegue cos certificados de matrimonio. É, sobre todo, comprobar a contabilidade das propias caixas.

Así mesmo, para conseguir o control e a homertade, existían os créditos e as quitas de millóns de euros a algunhas empresas de comunicación e, igualmente, os créditos preferentes a certos xornalistas.

Ademais, están outras irregularidades, como a utilización de fondos das caixas para obras en residencias particulares, merca de pisos e iates corporativos cando eran, unicamente, para usos familiares.

Estas e outras prácticas denunciámolas no seu día sen que ninguén fixese caso. Todos ollaron para outro lado. O Banco de España comezou as investigacións e parounas por un pacto político entre PP e PSOE que ían saír malparados.

Agora o FROB di que algunhas irregularidades habelas hailas.

Agardemos que se chegue ao fondo e non só sexa unha néboa mañanceira que enche o val e non deixa ver o monte. Reabrir a comisión de investigación é máis necesario ca nunca.

Alfonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar