Remata a campaña dos trens turísticos cun 82 % de ocupación

Tren turístico Galicia tamén viño

2.002 pasaxeiros viaxaron entre o 15 de xuño e o 28 de setembro nos trens que cubriron as sete rutas programadas este ano: Ruta dos faros, Ruta dos pazos e xardíns históricos e as rutas dos viños de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, O Ribeiro-Rías Baixas e Valdeorras-Ribeira Sacra
567 persoas empregaron o servizo de aproximación de RENFE que posibilitou o achegamento gratuíto dos viaxeiros ás estacións de partida dos convois turísticos
A Ruta Valdeorras-Ribeira Sacra tivo un 100% de ocupación entre os meses de xullo e setembro

Santiago, 1 de outubro de 2014.- A campaña dos trens turísticos posta en marcha por Turismo de Galicia, en colaboración coa empresa RENFE, pechou cun notable éxito ao rexistrar 2.002 viaxeiros e unha ocupación do 81,71%.

Dentro desta campaña, un total de 567 persoas empregaron a opción de aproximación o que supuxo o 28,32% dos usuarios deste servizo turístico. Esta opción permitiu que os viaxeiros se achegasen de xeito gratuíto ás estacións de partida dos trens turísticos desde A Coruña a Ferrol e Santiago, e desde Santiago a Ourense.

Este foi o segundo ano no que funcionaron os Trens turísticos de Galicia, unha iniciativa que promove un produto turístico de calidade e co aliciente de ser innovador e de resaltar outros produtos turísticos diferenciais e recursos que identifican ao territorio e poñen en valor algúns dos seus atributos máis singulares.

O grande éxito de público da edición do pasado ano levou a estender a oferta este ano a cinco novos percorridos polas zonas vitivinícolas da comunidade. Así, o ano 2013 funcionaron os trens das rutas dos faros, entre Ferrol e Ribadeo e Ribadeo e Ferrol, e da camelia, entre Santiago e Vigo; mentres que este verán a oferta viuse ampliada con cinco novas rutas que cubriron as cinco denominacións de orixe protexidas dos viños de Galicia: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras.

Deste modo os turistas puideron percorrer os espazos máis singulares da comunidade, utilizando como medio de transporte o tren, e coñecer así algún dos produtos cabeceira da marca Galicia como “Faros e praias salvaxes”, “Bosques de Galicia”, “Ruta da Camelia” e “Paseando entre viñedos”.

Esta tempada incluíu tamén como novidade os paquetes de fin de semana nos que se combinaban as Rutas en Trens Turísticos coa pernoitas dunha noite nun hotel galego e os paquetes combinados de fin de semana desde outras cidades de España.

Os trens turísticos funcionaron alternativamente os sábados e os domingos cada quince días entre o 15 de xuño e o 28 de setembro.

Este programa completábase co Galicia Rail Pass, un bono especial para peregrinos e turistas que se achegan a nosa comunidade en trens de longo percorrido, que permitía utilizar os trens rexionais e de media distancia cantas veces se quixera durante 10 días por un prezo moi especial. Esta iniciativa estivo vixente desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro.

Ocupación por rutas
Tendo en conta as distintas rutas, a de Valdeorras-Ribeira Sacra, tivo un 100% de ocupación entre os meses de xullo e setembro, cun total de 300 prazas ocupadas das 300 dispoñibles.

O tren da Ribeira Sacra, que tamén circulou entre os meses de xullo e setembro, tivo unha ocupación do 99,71%, con 349 prazas ocupadas, das 350 ofertadas.

En terceiro lugar, o tren con máis ocupación foi o da Ruta dos faros que circulou todos os sábados entre Ferrol e Ribadeo e entre o 15 de xuño e o 28 de setembro, co 96,67% e 406 prazas ocupadas das 420 que se ofertaron.

O tren dos Pazos e os xardíns históricos, que circulou os meses de xullo e agosto entre Santiago de Compostela e Vigo, rexistrou un 90% de ocupación, xa que acolleu a 180 viaxeiros dos 200 posibles.

O servizo da Ruta do viño das Rías Baixas transportou 250 pasaxeiros, dentro dunha oferta de 300, o que supuxo unha ocupación do 83,33%.

Polo que respecta ao Tren da Ruta do faros entre Ribadeo e Ferrol, que fixo todos os domingos o traxecto Ribadeo-Ferrol, pechou a tempada co 71,1% de ocupación, transportando 128 viaxeiros dos 180 posibles.

Canto ao Tren da Ruta do Ribeiro-Rías Baixas, a ocupación foi do 57,71%, entre os meses de xuño e setembro. Neste tren cubríronse 202 prazas das 350 ofertadas.

Por último, o Tren turístico da Ruta do viño de Monterrei cubriu 183 prazas das 350 que se ofertaron, o que supuxo unha ocupación do 52,29%.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar