O Concello de Cervo localiza máis de trinta niños da avespa asiática

Avespa asiática atacando a avespa autóctona.
Avespa asiática atacando a avespa autóctona.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, indicou que no Concello mariñano ten localizados “máis de 30” niños de avespas asiáticas. O último foi desmantelado este martes.

Alfonso Villares asegura que se “actúa en todos eles”, se ben o deste martes tiña “unha dificultade maior”. A este respecto, explicou que tivo que pedir permiso ao ADIF pola presenza da vía do tren e, polo tanto, houbo que esperar uns días para que lles desen “permiso”.

Dende hai tres semanas trabállase no Concello de Cervo para aniquilar este insecto invasor, coa colaboración dos 40 apicultores da zona.

“Durante este mes xa nos reunimos dúas veces cos apicultores de Cervo, imos seguir tendo máis reunións. Estamos moi concienciados dende o Concello en facer o posible, sempre en colaboración coa Xunta, para intentar minimizar os danos ocasionados”, sostivo Villares.

Ademais, o Concello repartiu “trampas” adquiridas “con fondos municipais”, que se suman aos “remedios caseiros” que impulsan os propios apicultores para exterminar estas avespas, un problema co que xa tiveron que lidiar o ano pasado neste municipio da Mariña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar