TVG: “Chapa e pintura”, arredor dos celos

image

O programa de humor da Televisión de Galicia “Chapa e Pintura” ofrece na segunda entrega desta temporada un capítulo que ten os celos como denominador común das diferentes situacións que se van presentar. Así, por exemplo, Raúl, “o galán da rúa das Zocas, decidiu non perder o tempo para reconquistar a súa ex-muller Chelo, peiteadora, e non dubida en coquetear con todas as mulleres do vecindario con tal de provocar celos en Chelo. Esta, en vista da ofensiva de Raúl e tras sufrir pesadelos, toma unha determinacion e lánzase ao proceloso mundo da noite, da man da súa amiga Lola. Pero, ao final, a solución estará na internet…

​Mentres tanto, outra liorta dáse na veciñanza. Un reto entre Ciriaco e Rita fará que esta pase a traballar temporalmente no taller de motos do pai de Chelo. En troques, a peiteadora gozará dos servizos dun marabilloso peiteador chamado Serafín. Máis motivos para os celos.

​Despois da emisión deste capítulo haberá unha nova entrega de “A parella. Instrucións de uso”, un exhaustivo estudo sociolóxico sobre a vida en parella. Para esta ocasión o obxectivo de estudo está claro: os celos.

ERA VISTO!
​Unha das situación máis simpáticas que se poderán ver no “Era Visto!” de hoxe será cando, despois de mil manganchas, Kevin -fillo máis ben túzaro de Moncho e Elvira- consegue o smóking de don Anselmo e convértese nun refinado e sedutor playboy.

No segundo episodio do “Era Visto!” de hoxe a familia pensa nun espectacular cambio de vida: emigrar ao que para eles é o mellor país do mundo: Suíza. Por último, a terceira entrega, que leva por título “As tarxetas”, Ramona ten unha solución para que en Lameiro deixen de pelexar e discutir por todo: pedirse perdón con tarxetas.

A REVISTA
​O espazo “A Revista” viaxará hoxe en directo á localidade pontevedresa de Combarro, inmersa durante estes días na celebración da XIV Festa do Mar, que promoverá máis de 20 produtos mariñeiros. Como novidade máis destacada deste ano, unha ducia de locais de hostalería de Combarro puxeron en marcha durante a festa a primeira Ruta Gastronómica do Mar. Ademais do propiamente gastronómico, a festa complétase con exposicións, artesanía, concertos e unha concentración de embarcacións tradicionais.

​Outra das citas en directo do programa será na décimo sétima edición da Feira do Libro de Monforte. Un total de nove casetas estarán ata o vindeiro sábado na rúa Cardenal. Como é habitual, durante a feira rifaranse lotes de libros e aplicarase un desconto do 10% nas compras.

​O programa da Televisión de Galicia tamén se interesará hoxe polo Festival do Castro, que se celebrará o vindeiro sábado en Ferreira de Pantón. Despois de varios anos desaparecido, a Asociación Cultural e Xuvenil O Castro recuperouno en 2006. Un dos membros deste colectivo, Roi López Carmona, detallará no estudio de gravación de “A Revista” as propostas do festival, que inclúe unha feira de artesanía, un xantar popular, teatro, circo, animación infantil e, por suposto, moita música.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar