A oficina de información de Turismo de Santiago supera as 100 mil consultas

Oflcina de consultas turismo Concello Santiago

A oficina de información de Turismo de Santiago superou o pasado sete de agosto as 100.000 consultas no conxunto do ano. En concreto, os informadores turísticos da oficina municipal atenderon 100.576 consultas entre o 1 de xaneiro e o 7 de agosto. Os turistas internacionais foron os que máis empregaron os servizos da oficina de información de Turismo de Santiago. No conxunto do ano, atendéronse 58.363 consultas de turistas foráneos, case o 60% do total, procedentes de 114 países distintos.
Os países con maior número de consultas foron os que constitúen os principais mercados estratéxicos da cidade e nos que Turismo de Santiago concentra os seus esforzos: Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido. Ademais, entre os dez primeiros países con máis consultas situáronse EEUU, Portugal, Arxentina, Holanda, Brasil e Irlanda. Entre os 20 países hai oito non europeos, entre os que se atopan países tan distantes como Australia, Canadá, Xapón ou Corea do Sur, unha clara mostra do atractivo universal da cidade.

Os datos apuntan un crecemento con respecto aos datos do ano pasado. No mesmo período do 2013, atendéronse 97.101 consultas, o que significa que houbo un crecemento do 3,58%. Este aumento debeuse ao comportamento positivo tanto do turismo internacional, que pasou de 56.442 consultas en 2013 a 58.363 en 2014, como do turismo doméstico, que subiu de 40.659 consultas no ano pasado a 42.213 neste ano.

A oficina de información de Turismo de Santiago, ubicada na Rúa do Vilar 63, está aberta todos os días do ano, salvo os 24, 25 e 31 de decembro e o 1 e o 6 de xaneiro. En temporada alta abre continuadamente de 09.00 a 21.00 horas. Atende en oito idiomas: galego, castelán, francés, alemán, italiano, portugués, sueco e finés. Tamén pode atender en lingua de signos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar