A Xunta impulsa as plazas de abastos e o comercio local

Directora xeral de Comercio_Sol Vázquez

A Consellería de Economía e Industria vén de resolver axudas por máis de 3,8 millóns de euros a 73 concellos galegos coas que se desenvolverán actuacións por un total de 5,5 millóns destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade.

Tal e como explicou esta mañá en rolda de prensa a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, este programa enmárcase dentro da estratexia específica de apoio ao sector comercial que desenvolve a Xunta como unha das claves para a reactivación da economía das vilas e cidades galegas, e reforza a colaboración da Xunta cos concellos nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade co comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.

Vázquez Abeal informou de que un 67% das axudas que veñen de concederse se destinan á modernización dos mercados municipais, con apoios que chegan ata un máximo de 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, avanzando así no obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.

Por outra banda, os apoios ás melloras en mercados tradicionais e ambulantes supoñen o 23% das axudas aprobadas, mentres que co restante 10% se impulsan outras actuacións entre as que se inclúen iniciativas de dinamización das vendas. Por provincias, obtiveron axudas 16 concellos da Coruña, 19 de Lugo, 9 de Ourense e 29 de Pontevedra.

Como novidade, os municipios que desenvolven proxectos de mellora nas prazas de abastos, que poden incluír ademais da remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario dos mercados actuacións para a redución do consumo enerxético ou dos residuos xerados, entre outros, deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial dos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento están encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

No caso das actuacións de mellora de prazas, rúas e zonas peonís comerciais na contorna inmediata das praza de abastos, as axudas podían chegar ata os 80.000 euros. Tamén se apoia neste programa con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como en eixos comerciais en concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais, estes municipios máis pequenos reciben axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.

A Consellería de Economía e Industria leva destinado no que levamos de ano 10 millóns de euros a diferentes programas de apoio dentro da estratexia específica de impulso á competitividade do comercio de proximidade, centrada en eixos como o apoio ao asociacionismo, o emprendemento e a apertura de novos establecementos comerciais, a innovación ou a potenciación das prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.

Dentro desta estratexia, ata o vindeiro 1 de setembro está aberto á presentación de solicitudes o programa de renovación do tecido comercial galego, que impulsará con 3 millóns de euros a transmisión xeracional e a posta en marcha de iniciativas innovadoras no sector, potenciando a adaptación do comercio de proximidade galego ás novas demandas dos consumidores e mellorando a súa competitividade ao tempo que se garante a continuidade do saber facer, a calidade e a profesionalidade que o caracterizan. Esta iniciativa xira en torno a tres eixos específicos: o apoio á remuda comercial, o impulso á modernización da xestión e dos sistemas de comercialización, cunha orde de axudas á que tamén pode acceder o sector artesán galego, e o asesoramento especializado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar