Agustín Hernandez, nomeado cabaleiro da Orde do Pemento de Padrón

Agustín Hernández_cabaleiro do Pemento de Herbón_Padrón

 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, foi nomeado cabaleiro da Orde do Pemento de Herbón, no transcurso dos actos de exaltación deste produto celebrados nesta parroquia. Previamente foi recibido pola Corporación de Padrón na Casa Consistorial.

Agustín Hernández declarouse honrado por ser nomeado Cabaleiro da Orde do Pemento de Herbón, “un dos produtos máis representativos destas terras, e non me equivoco se digo, que de Galicia enteira”. Ademais, considerou “sinxelo” cumprir o xuramento de comer, defender e promocionar os pementos de Herbón”, xa que, dixo, “non hai ano que non o cumpra máis dunha ducia de veces”.

O rexedor municipal expresou a súa satisfacción por estar nas terras de Padrón, “dende sempre intimamente unidas ás terras de Compostela, por lazos de historia e de cultura, pola economía e polo comercio, pola administración e os servizos públicos e por tantas cousas”, pero sobre todo, por “unha amizade e unha identificación forte e duradeira”, construída ao longo de xeracións. Neste sentido, lembrou o recente Día de Padrón nas Festas do Apóstolo, ou o Día de Santiago na Pascua de Padrón, nos que as Corporacións escenifican estes lazos.

Volvendo a falar dos pementos, recordou que foron os franciscanos quen trouxeron a súa semente americana hai máis de 600 anos, pero que “ninguén pode imaxinar que nalgún tempo non os houbera en Galicia”. Realizou unha defensa deste produto “único e diferenciado”, mostra da “calidade das nosas variedades tradicionais, que compre recoñecer e apoiar constantemente por parte das institucións públicas e, sobre todo, por parte de cada un de nós como consumidores”.

A este respecto, falou do traballo dos concellos da bisbarra para potenciar a Denominación de Orixe e lograr que “o pemento sexa non só un medio de vida, senón un verdadeiro embaixador da calidade de Galicia”. Neste cometido, ofreceu a súa contribución como alcalde de Santiago a axudar no impulso de iniciativas que “redunden no beneficio dos concellos veciños, deixando a un lado o localismo e a rivalidade que tanto mal nos fan, para fomentar o entendemento e o traballo común”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar