Louzán afirma que Caballero “vive permanentemente enfrontado con todo o mundo”

Louzan_sala prensa Deputación Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, criticou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero “vive permanentemente enfrontado con todo o mundo para dicir que as Administracións non inverten en Vigo”. Louzán acusou o rexedor vigués de “ególatra” e “campión da nada” e lamentou que a cidade “estea nas súas mans porque quen perde é Vigo”.

Durante o pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra na que se debatían senllas mocións do PP e do PSdeG-PSOE sobre investimentos no estadio de Balaídos e a colaboración do organismo provincial con este concello, respectivamente, Rafael Louzán comparou o “localismo absurdo” atribuído a Cabaleiro cos acordos alcanzados en diversas materias co concello de Pontevedra, gobernado polo nacionalista Miguel Fernández Lores.

Louzán dirixiuse ao voceiro socialista na Deputación, Santos Héctor, para que lle traslade ao alcalde vigués a intención da entidade provincial de “poñer o mesmo que poña o Concello” para a reforma do estadio de Balaídos. “A Deputación quere participar, sempre que non nos exclúan”, engadiu Louzán.

Na súa réplica, Santos Héctor reprochou a Louzán que sexa “incapaz de argumentar sen insultar nin faltar ao respecto” e referiuse a Abel Caballero como “o mellor alcalde da historia” nesta cidade, algo que “enerva” a Louzán, apostilou o voceiro socialista. Para Santos Héctor, a Deputación de Pontevedra “segue marxinando a Vigo presuposto tras presuposto” e instouno a “poñer a partida no presuposto se quere ser crible”.

Sobre a colaboración económica ofrecida por parte da Deputación para a reforma de Balaídos, o voceiro socialista afirmou que Louzán “vai agora unha oportunidade de facerse unha foto co alcalde de Vigo”, ao que o presidente da Deputación respondeu que non ten “ningunha necesidade” desa imaxe e que “se non se fai a reforma”, Caballero será o “único responsable”.

Ambas as dúas mocións aprobáronse por unanimidade; non así outra moción dos populares sobre o cambio da Lei Orgánica de réxime electoral local, que solo prosperou cos votos dos deputados do PP.
MUNICIPAIS

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José María Figueroa, defendeu que goberne a lista máis votada nas próximas eleccións municipais, ao que Rafael Louzán engadiu que esa medida lle dá “lexitimidade” a un goberno local.

Louzán puxo os “pactos de perdedores” entre PSOE e BNG nos concellos de Vigo e Pontevedra como exemplos de “desavinzas” e recordou que o PP goberna en minoría en 12 municipios da provincia.

Pola súa banda, Santos Héctor acusou o PP de “facer un pucherazo” e de “trampear a democracia” con esta medida que o voceiro socialista atribuíu a que no PP “temen perder moitas alcaldías” en Galicia”.

O voceiro do BNG, César Mosquera, mostrou o seu rexeitamento a esta moción, á que se referiu como “unha falta de respecto total” motivada para “cambiar as normas de xogo segundo lle conveña” ao PP. Mosquera instou ao PP a “resolver outras disfuncións” do sistema electoral vixente que, segundo explicou, non garante a proporcionalidade do voto entre as distintas provincias.
PARTIDOS XUDICIAIS

Ademais, Figueroa e Louzán valoraron o anuncio do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, de manter os partidos xudiciais; unha decisión que o vicepresidente da Deputación cualificou de “magnífica noticia”.

O titular do organismo provincial afirmou que se trata dun “bo acordo para os intereses de Galicia e de Vigo”, que resultaba prexudicado coa reforma, argumentando que a súa defensa se formulou “de xeito xusto e razoable”.
RESIDUOS

O pleno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou o expediente para a xestión dun servizo de recollida e tratamento de residuos a nivel intermunicipal, así como a ratificación dun protocolo de colaboración entre o organismo provincial e o concello de Pontevedra para a construción dun planta de compostaxe. En ambos os dous puntos o PP contou cos votos a favor do BNG, mentres que o PSdeG-PSOE votou en contra en ambos os dous casos.

Por este motivo, o voceiro socialista acusou os nacionalistas de ter “un pacto” co PP na Deputación pola “vehemencia” coa que Mosquera apoiou o proxecto para a xestión dos residuos, ao valoralo como “un paso valente e arriscado” da entidade provincial.

Segundo as previsións da Deputación, este servizo –ao que se sumaron voluntariamente 18 municipios e tres máis que formalizarán a súa adhesión proximamente– estará en marcha en xaneiro de 2015 adxudicarase a unha empresa privada por un prazo de 25 anos. O PSOE criticou o seu elevado custo para a cidadanía, ao que Louzán respondeu lamentando que o grupo socialista “quede só e sen criterio” pola súa negativa a apoiar esta iniciativa.

En canto ao proxecto da planta de compostaxe, Santos Héctor cuestionouno argumentando que “estamos a dez meses das eleccións municipais e hai que poñer algo verde”.

Pola contra, César Mosquera confiou en que, tras a construción desta planta en Pontevedra –nun terreo pendente de decidir en función das propostas que se reciban– o “seguinte paso” sexa retomar un proxecto anterior na bisbarra de O Morrazo e crear outras dúas no norte e no sur da provincia.

No pleno da Corporación provincial aprobouse unha modificación de crédito por valor de 1,2 millóns para reformar a Casa de Cultura de Vilanova, que se converterá nun auditorio.

Neste caso, BNG e PSOE votaron en contra, acusando ao PP de “improvisación” no cumprimento dos presupostos aprobados e de servirse desta medida para “arranxar un problema político que teñen alí”, sinalou Santos Héctor.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar