A hostalería compostelá pide renovación no colectivo

O vindeiro luns día 30 de xuño ás 11 horas procederase no rexistro da Asociación de Hostalería Compostela á entrega das sinaturas de empresarios para a celebración dunha asamblea extraordinaria, na que se solicitará a convocatoria de eleccións anticipadas na entidade. O acto de entrega será en presencia do notario que, como fedatario público, confirmará a autenticidade do censo e das sinaturas presentadas. Ata ese día, continúa a ritmo intenso a adhesión de empresarios ao proceso, o que pón de relevo o descontento xeralizado do colectivo ante o deterioro producido no seo da entidade durante o actual mandato.
O grupo de empresarios que promove a convocatoria de eleccións anticipadas non vai entrar ao xogo de descalificacións, ameazas e falta de respecto á dignidade persoal e profesional dos empresarios asociados que caracterizan ao presidente de Hospedaxe e que foron a tónica dominante nestes case tres anos de mandato.

Asemade, tampouco vai entrar a valorar o reiterado intento do presidente de Hospedaxe de minimizar o alcance do descontento, que el adoita personalizar en dous empresarios, aos que cita con nomes e apelidos e mesmo con mención expresa dos seus negocios. A esas manobras para ningunear aos empresarios e minimizar o problema, vaise respostar coa forza das sinaturas dos asociados que apostan pola celebración dunha asamblea e posterior convocatoria de eleccións, ao obxecto de que o colectivo poida expresar a súa opinión, libre e democráticamente.

Deste xeito, o colectivo non vai ceder aos obstáculos e falsedades que pretendan poñer freo a un amplo movemento empresarial que cree nunha Asociación rexida baixo os principios da profesionalidade e da defensa dos intereses do conxunto do empresariado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar