Un centro de recuperación integral pon a Galicia na vangarda da loita contra a violencia de xénero

Centro recuperación integral mulleres violencia xénero_Rueda

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o esforzo do Goberno galego para por en funcionamento o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero, o CRI, que sitúa á Galicia á vangarda na loita contra a violencia de xénero.

O número dous da Xunta quixo coñecer de primeira man o centro, que vén de poñerse en marcha recentemente, e realizou unha visita esta maña ás instalacións xunto á secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Alí explicou que Galicia, xunto con Asturias, son as únicas comunidades españolas que dispoñen dun centro público destas características.

Segundo explicou Rueda, o Goberno galego -o primeiro que ten máis mulleres que homes na historia de Galicia- está a apostar decididamente pola igualdade e por rematar coa violencia de xénero. Así, entre outras medidas, estanse financiando os CIMs dos concellos, subvencionando aos municipios que promovan a igualdade, promovendo a conciliación da vida familiar e laboral e ofrecendo axudas económicas ás vítimas de violencia de xénero.

A posta en funcionamento do CRI supón un importantísimo avance na loita contra a violencia de xénero, xa que a súa finalidade é desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas desta lacra, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de tipo social, laboral e económico, que evite duplicidades e racionalice a xestión.

Neste sentido, o CRI será o encargado de coordinar a rede galega de acollemento; tramitar as derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e desde outras partes do Estado; impulsar a creación de grupos de autoaxuda, intervención e coñecemento entre mulleres que teñan sufrido, vividas e superadas situacións de violencia de xénero; e colaborar con organismos competentes na formación específica no ámbito do tratamento da violencia de xénero e a atención ás mulleres que a sofren.

Ademais, o Centro compostelano tamén actuará como centro colaborador co Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia; e actuará como centro de referencia en Galicia na atención ás mulleres e menores que teñan vivido situacións de violencia, implementando programas integrais e de boas prácticas, transferibles a outros recursos no territorio.

O CRI está integrado por un equipo multidisciplinar e especializado que conta con profesionais do ámbito xurídico, psicolóxico e do traballo social e estará en funcionamento durante todo o tempo preciso para cubrir as necesidades das súas usuarias e das súas fillas e fillos; con flexibilidade e total confidencialidade.

Traballarase tamén e de maneira especial cos colectivos de mulleres vítimas de violencia de xénero que cargan cunha dobre vitimización polas circunstancias persoais ou sociais que teñen que vivir: mulleres con discapacidade, inmigrantes, mulleres pertencentes a minorías, maiores de 65 anos, adolescentes ou preadolescentes, mulleres de núcleos rurais pequenos e mulleres que sofren algún tipo de adicción.

Para contribuír ao seu papel como centro coordinador, ao longo da pasada semana foron pasando polo CRI persoal dos máis de 80 Centros de Información á Muller de toda Galicia, co obxectivo de que coñecesen o centro, así como o seu proxecto e o seu persoal, xa que son potenciais derivantes de usuarias. Ademais, os formularios de derivación e de solicitude de acceso tamén foron enviados aos CIMs, servizos municipais e casas de acollida.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar