92 actividades no Verán no Gaiás

Gaias actividades veran

   A Cidade da Cultura acollerá durante os meses de verán un total de 92 actividades dentro do programa de iniciativas culturais e de ocio ‘Verán no Gaiás’ e espera recibir durante os meses estivais a visita de 100.000 persoas, das que case 35.000 participarán directamente nas actividades programadas.

   Así o sinalou este mércores o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, que presentou a programación de verán do complexo do Gaiás xunto coa directora da Fundación, Beatriz González Loroño; e a directora de Acción Cultural, María Pereira.

   María Pereira apuntou que, un ano máis, a programación da Cidade da Cultura «sairá ao exterior» dos edificios cunha proposta de «verán activo» apta para todos os públicos. Os artistas galegos, indicou, terá unha «protagonismo importante» dentro das actividades.

   Pola súa banda, Jesús Vázquez comprometeu unha «programación de calidade» que se abrirá durante o verán a novas propostas e que chegará «a distintos públicos».

PROGRAMACIÓN

   A programación de verán na Cidade da Cultura iniciarase o xoves 3 de xullo co inicio do ciclo ‘Atardecer no Gaiás’, que ofrecerá os xoves, venres e sábados ata 24 concertos gratuítos. Nestes espectáculos de pequeno tamaño participarán artistas como Grampoder, Talabarte, María Rodés, Los Punsetes ou a Orquestra de Cámara Galega.

   A festa de presentación do ciclo será o xoves día 3 na compostelana Praza do Toural, onde actuará a banda coruñesa Sensacional. Este será o único concerto do ciclo que terá lugar fóra do Gaiás. A clausura, a cargo de Toy, será o 30 de agosto na praza central da Cidade da Cultura.

   Non obstante, a grande cita musical deste verán no Gaiás chegará o 26 de xullo co concerto do dúo de jazz Chick Corea e Stanley Clarke, que acollerá o Museo Centro Gaiás. A actuación, única en Galicia destes artistas, estará tamén incluída na programación das Festas do Apóstolo de Santiago.

PROGRAMACIÓN FAMILIAR

   O día 23 de agosto, a Cidade da Cultura acollerá a iniciativa ‘Cidade Imaxinaria’, unha xornada chea de espectáculos, xogos e talleres para familias. O evento, que durará dende as 11.00 ata as 20.00 horas, programará máis de 20 espectáculos gratuítos.

   Ademais, os máis pequenos terán a oportunidade de vivir ‘Unha noite baixo a auga’ da man da exposición ‘Auga Doce’. Como xa aconteceu coa anterior mostra que acolleu o Museo Centro Gaiás, Orinoco, os nenos de entre seis e 11 anos poderán pasar unha noite neste centro explorando a exposición e pasando a noite nas instalacións.

   A oferta nocturna de verán complétase un ano máis cunha nova edición das ‘Visitas Astronómicas’ organizadas en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, que terán lugar todos os venres dende o 4 de xullo ao 19 de setembro, de forma gratuíta previa inscrición.

   Así mesmo, os xoves, do 3 de xullo ao 11 de setembro, será a quenda do deporte coa iniciativa ‘Camiño ao Gaiás’, que programará rutas coas que descubrir novas visións da Cidade da Cultura en colaboración coa Fundación USC Deportiva.

NOVOS CREADORES

   Xa en setembro, os novos creadores reuniranse no IV Encontro de Artistas Novos, que do 9 ao 12 reunirá no Gaiás a 70 mozos para compartir os seus proxectos entre eles e con figuras da arte xa consolidadas como Lois Patiño, Din Matamoros ou Dora García. Os interesados deberán presentar o seu proxecto antes do 4 de xullo.

   Durante os meses de verán, os visitantes do Gaiás poderán gozar tamén da instalación ‘Flywaterbags’, de Ana Soler, instalada nas Torres Hejduk, que finalizará o 31 de agosto. Ata o 14 de setembro estará aberta tamén a mostra ‘Auga Doce’ no Museo Centro Gaiás.

   A programación estival da Cidade da Cultura complétase cunha última sesión do ciclo Literatura e Cultura Contemporánea Nexos, que pechará a edición 2014 o 28 de xuño cun dos grandes escritores actuais, Vicente Molina Foix, que explorará o mundo do malditismo nas artes.

INCREMENTO NAS VISITAS

   Baseándose nos datos de anos anteriores, Jesús Vázquez estimou que durante os meses de verán poderían visitar a Cidade da Cultura unhas 100.000 persoas.

   Neste sentido, o conselleiro destacou que dende o inicio deste ano o Gaiás está a experimentar un incremento no número de visitantes. Dende o mes de xaneiro, indicou, o complexo recibiu máis de 205.000 visitantes, o que supón un 10 por cento máis que o ano pasado polas mesmas datas.

   Así mesmo, recordou, o pasado mes de maio bateuse a marca de asistencia á Cidade da Cultura, con 50.604 visitantes, sendo o mes no que o complexo recibiu máis visitas dende a súa apertura.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar