Baltar presenta a primeira ordenanza de Transparencia dunha Deputación

Baltar_rolda de prensa Ordenanza de Transparencia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe a proposta da que será a primeira ordenanza de Transparencia dun goberno provincial, un documento que ten como obxectivo ordenar administrativa e xurídicamente no ámbito da institución provincial aspectos como a publicidade activa da información e o dereito á información pública e a súa reutilización.

Baltar explicou as achegas e avances que en materia de transparencia ten realizado o goberno provincial, entre os que citou o novo espazo web con enlace directo aos indicadores de Transparencia fixados por Transparencia Internacional para avaliar aos gobernos provinciais, e tamén destacou a retransmisión dos plenos da Corporación Provincial vía web, así como o espazo web co apartado “O presidente responde”. Manuel Baltar subliñou a recente posta en marcha da APP para dispositivo móbiles co Centro de Incidencias Provinciais, e a aprobación do primeiro Código Ético e de Conduta dun goberno provincial en España, medidas todas elas encamiñadas en seguir mellorando os índices de transparencia da institución provincial, actualmente situada no posto número 2 de todas as de España.

Tamén incidiu o presidente Baltar nos vindeiros retos que afronta en materia de transparencia o goberno provincial, entre os que citou a elaboración da “Carta de Servizos” da Deputación de Ourense e a creación na RPT dunha unidade específica de Transparencia. Ademais, anunciou a celebración, en outubro deste ano, en colaboración coa Fundación “Democracia e Goberno Local”, dunha xornada sobre Transparencia nas entidades locais da provincia, dirixida a alcaldes, concelleiros e persoal ao servizo da Administración local.

A ordenanza de Transparencia presentada hoxe recolle cuestións reguladas en textos e normativas de grande importancia como son as leis de Réxime xurídico, Reutilización da información, Transparencia e a de Racionalización e sostibilidade da Administración Local; unha ordenanza, por certo, que regulará situacións que xa a Deputación de Ourense ven desenvolvendo e practicando como compromisos de seu do goberno provincial.

A nova ordenanza estrutúrase en 7 capítulos, 49 artigos e 1 disposición final de “Entrada en vigor”. O ámbito de aplicación son as entidades que forman parte do sector público provincial, e entre as obrigas que recolle o documento figura o de elaborar, manter actualizada e difundir a información facilitando o acceso á mesma e permitindo a súa reutilización, así como utilizar preferentemente medios electrónicos e telemáticos.

Asemade, a ordenanza cita como medios de acceso á información as oficinas de información, as páxinas web ou sedes electrónicas e os servizos de atención telefónica, e como principios xerais recolle a presunción xeral da publicidade da información pública, publicidade activa, reutilización da información, dereito ao acceso á información, acceso inmediato por medios electrónicos e calidade da información (veraz, fidedigna, actualizada e comprensible).

Todo este acceso á información realizarase coa debida protección de datos persoais e dentro dos límites legais, e será unha información que se facilite a iniciativa propia e de maneira gratuíta; na páxina web ou sede electrónica; en ligua galega e castelá e con prazos de publicación e actualización.

As obrigas específicas da publicidade informativa refírense ao tipo de información que se facilitará dende a institución. Neste apartado figura a información sobre: a institución, a súa organización, planificación e persoal; altos cargos e persoas que exercen a máxima responsabilidade; información de relevancia xurídica; sobre contratación, convenios e subvencións; información económica, financeira e orzamentaria, e sobre servizos e procedementos.

O último capítulo do documento recolle que a ordenanza será sometida a avaliación e seguimento polo órgano responsable, artellando actividades de formación, sensibilización e difusión.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar