A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, recibida polo presidente da República de Taiwán

A presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE (Conferencia de Asambleas Rexionais con poderes lexislativos da Unión Europea), Pilar Rojo, acompañada polo Presidente do Foro Comunitario de Autoridades Locais (TCF), Lin Chin-chang, foi recibida hoxe en Taipei polo presidente de Taiwán, o ministro de Asuntos Exteriores e persoal do seu equipo.

Durante o encontro, destacouse a necesidade de fortalecer a gobernanza a multinivel para implementar un desenvolvemento sostible que atenda as necesidades reais dos cidadáns. Así mesmo, Pilar Rojo, como presidenta da CALRE, destacou a importancia das estratexias europeas destinadas ao continente asiático e a posible colaboración da CALRE ao nivel rexional para o desenvolvemento desta estratexia.

A presidenta do Parlamento de Galicia tamén subliñou a importancia de Galicia, e explicou a Ma Ying-jeou a transcendencia do Camiño de Santiago e a súa condición de primeiro itinerario cultural europeo.

A entrevista de Pilar Rojo co presidente de Taiwán puxo punto final á visita da presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE a Taipei, a onde acudiu convidada polo presidente do Foro Comunitario de Autoridades Locais, Lin Chin-chan. Na súa condición de presidenta da CALRE, Rojo Noguera compartiu foro co presidente da Conferencia Nacional de Lexislaturas Estatais de Estados Unidos (NCSL); o presidente da Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses; o ministro do Interior de Taiwán; así como con profesores universitarios, lexisladores e diversos representantes da Administración taiwanesa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar