O Pazo Provincial de Pontevedra acolle a conmemoración da Brilat

 

Expo Depo aniversario Brilat_2

O Pazo Provincial acolle desde hoxe os actos conmemorativos do XLVIII aniversario da Brilat Galicia VII, aos que un ano máis se quixo sumar a Deputación de Pontevedra, consciente da relevancia que a Brilat ten na vida social e económica da cidade e da provincia.
Unha conferencia sobre Los últimos poetas golfos y bohemios de Madrid, a cargo do escritor e xornalista Alfonso Ussía abrirá o programa de actividades, ás 18,00 horas no Salón Nobre da Deputación.
Á conferencia seguiralle a inauguración, ás 19,00 horas, de dúas mostras que se poderán ver no hall e no primeiro andar do Pazo Provincial.
No hall de entrada ao Pazo Provincial, exporase a mostra Milicia, unha historia de Soldados, na que poderán contemplarse 50 obras realizadas por pintores militares que reflicten nos seus cadros diferentes aspectos da vida militar, desde uniformes ata batallas. Xunto a elas, estará o cadro de gran formato La Patrulla Azor, que o pintor Ferrer-Dalmau doou á Brilat e que fora exposto por primeira vez o pasado ano tamén no Pazo Provincial.
A mostra continúa no primeiro andar cunha exposición que, baixo o título A Brilat en branco e negro, inclúe fotografías e fondos da Sala Histórica da BRILAT.
Entre as fotografías atópanse imaxes de diferentes acuartelamentos nos que a Brilat estivo presente ao longo da súa historia, ata imaxes do primeiro aerotransporte, pasando por fotografías de instrución e adestramento dos primeiros anos da brigada.
Xunto a elas, uniformes, armamento, radios de época, máscaras antigás e outros elementos militares cos que contou a brigada nos seus inicios, aló polos anos sesenta.

Expo Depo aniversario Brilat_1

 

 
Os actos pecharaos un concerto da Banda de Guerra da Brilat e da Unidade de Música da Escola Naval Militar de Marín que interpretarán conxuntamente diversas pezas de música militar.
O concerto, que será gratuíto e aberto ata completar aforo, terá lugar ás 20,00 horas no Auditorio da Fundacion NovaCaixaGalicia de Pontevedra.
Éxito
A Deputación Provincial agarda que estes actos esperten novamente o interese dos pontevedreses, como xa o fixeron os organizados o pasado ano, cando máis de 2.500 persoas se achegaron ao Pazo Provincial para contemplar as mostras Enredada en mi cabeza; La Brilat en Afganistán e Arte en el Corazón de Afganistán, que serviron de conmemoración do aniversario da brigada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar