Homenaxe póstumo na Pobra do Caramiñal a «dona Mariquiña», á filla de Valle-Inclán

Xesús Vázquez Abad participa na Pobra na homenaxe a ‘Doña Mariquiña’, a filla de Valle-Inclán, e ao seu marido, o escritor arxentino Daniel Devoto

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe cun panexírico no acto de homenaxe a título póstumo organizado polo concello pobrense a María Beatriz Baltasara del Valle-Inclán Blanco, popularmente alcumada como ‘doña Mariquiña’, e ao seu marido, o intelectual porteño, Daniel Jesús Devoto Fantoni, un magnífico musicólogo, crítico literario e escritor que destacou sobre todo no eido da poesía.

O titular de Cultura destacou que a estadía da familia entre 1916 e 1921 na Pobra do Caramiñal coincide cunha etapa feliz dos Valle-Inclán Blanco, e o desexo de Valle-Inclán de fundar unha casa e unha estirpe ligada á terra do Barbanza, “unhas arelas de posteridade que, en certo xeito, se proxectan na figura do seu xenro, Daniel Devoto, e da súa filla, ‘doña Mariquiña’, e na súa vontade de –logo dunha vida lonxe da Pobra–, repousar na terra matria que a viu nacer”, expuxo Vázquez Abad.

Na súa intervención, o conselleiro tamén aludiu á figura literaria de don Ramón María del Valle-Inclán. “O autor que creou en Galicia, ao que tivo presente a Terra, ao que a interiorizou, a soñou e recreou á medida do seu xenio.”

O acto de homenaxe comezou ás 12 h., cunha recepción das autoridades na Casa do Concello; trasladándose posteriormente os participantes ao cemiterio da parroquia de Santo Isidoro de Postmarcos, onde se realizou a ofrenda e intervencións da homenaxe institucional. O conselleiro estivo acompañado no acto polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras Rivas; o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán; o reverendo Marcelino Sánchez Somoza, cura párroco de Santo Isidoro de Postmarcos; o poeta Xoán Xosé Fernández Abella; e o fillo da parella homenaxeada, Jorge Devoto del Valle-Inclán.


DON RAMÓN, GALEGO UNIVERSAL

O conselleiro fixo fincapé no feito de que “Valle-Inclán, o escritor universal, non podería ter sido don Ramón se non tivera nacido e medrado en Galicia, se non tivese mamado esta realidade humana e ideolóxica, constituínte e formante das súas calidades de autor.”

“Son por todos coñecidos títulos como ‘Sonata de otoño’, ‘Divinas palabras’, ‘Flor de Santidad’, ‘Romance de lobos’, ‘Aromas de leyenda’ e outro bo feixe de obras que teñen unha forte impronta galega na súa expresión, tópica ou temática. Pero gustaríame ir un pouco máis alá e, concordando con vellos mestres e eminentes críticos como Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega ou César Barja, dicir que case toda a obra de Valle ten latido galego”, concluiu Vázquez Abad.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar