Un empregado de mensaxería urxente distribuía cocaina en Ourense

Un empregado da empresa de mensaxería urxente Halcourier e a súa esposa usaban supostamente a furgoneta rotulada e os teléfonos da empresa para concretar cantidades e puntos de entrega de cocaína e hachix para consumidores e distribuidores de droga en Ourense, así como nos municipios rurais de Esgos, Maceda, Pobra de Trives e Luíntra, lugares nos que se detectou un incremento de venda de drogas.

O traballador de mensaxería Marcial G.G., de 50 anos, a súa esposa Teresa de Jesús N.P., e outras 19 persoas, serán xulgados na Audiencia Provincial de Ourense entre os días 16 e 19 de xuño, por posesión de droga con finalidade de vendelas –tanto «do tipo das que causan grave dano para a saúde» como das que non–, mentres que un deles tamén está acusado de tenza de armas prohibidas.

A compra, distribución e venda de substancias estupefacientes que levan a este grupo de 21 acusados ao xulgado, foi investigada con seguimentos e escoitas telefónicas entre xuño e novembro de 2007 e incluíu rexistros domiciliarios e detencións ‘in situ’ tras varis entregas.

O escrito da Fiscalía de Ourense detalla a intervención de cada acusado na rede de distribución e varios lugares que venda, como a vivenda do matrimonio formado por Marcial G.G., e Teresa de Jesús N.P., en Tarreirigo (Esgos), outra vivenda doutro acusado en A Valenzá (Barbadás) e outra en Pobra de Trives a cargo dunha acusada que foi incluída no grupo de acusados nunha ampliación do escrito de acusación da Fiscalía, en 2012.

BOLÍGRAFOS-PISTOLA

Os 21 acusados teñen entre 26 e 50 anos na actualidade e entre eles hai consumidores abastecidos polo matrimonio ou distribuidores como a acusada de Trives á que eles abastecían «tras acordar lugar e cantidade a entregar mediante unha linguaxe convida previamente para disimular que as entregas e recollidas de cousas eran en realidade, venda de substancias estupefacientes», segundo o escrito de acusación pública.

Entre os distribuidores abastecidos polo matrimonio, outros dous almacenaban cocaína nunha tenda de Esgos e nunha discoteca de Maceda e repartíanse os labores de concretar cantidades e lugar de entrega e as da propia entrega e cobramento.

Axentes do equipo antidroga interviñeron nunha entrega de droga en novembro de 2007 e detiveron dous acusados nun vehículo no que se incautaron de 99,7 gramos de cocaína e 3,3 de marihuana. No rexistro do domicilio do tamén acusado Oscar M., atoparon dous bolígrafos-pistola escondidos no caixón dunha cociña de leña.

VIAXES A CEUTA

As escoitas telefónicas permitiron facer seguimentos ao tamén acusado Marcos L.M., que pagaba viaxes a Ceuta a persoas «que previamente recrutaba» para que viaxasen e se aprovisionasen «resina de cannabis sativa» –hachix–, e «trasladásena a Ourense no seu aparato dixestivo envasada en cápsulas».

O equipo antidroga seguiu os protagonistas dun das viaxes, en xuño de 2007, e quixo interceptar os «carrexadores» pero conseguiron eludir os controis establecidos, e estableceron controis noutra viaxe realizada a Ceuta en agosto, onde 2 persoas recibiron 347 ovos plásticos de 6 gramos aproximadamente de hachix.

Esta vez, os carrexadores foron detidos e nos seus domicilios atopouse hachix e marihuana e un cuarto destinado ao cultivo desta última.

A estanza estaba recuberta con papel de aluminio e tiña 4 lámpadas fluorescentes no teito e un ventilador «para acelerar o crecemento» dun cultivo de marihuana preparado para a produccion e venda.

PETICIÓN TOTAL DE 85 ANOS

A Fiscalía acusa 16 persoas do delito contra a saúde pública por posesión de drogas con finalidade de venda, causantes de grave dano á saúde, para as de tres anos e medio a catro anos e medio de prisión, salvo no caso de Santiago S.A., reincidente, para o que o fiscal pide catro anos e oito meses de prisión, ademais dunha multa ou arresto substitutorio para todos eles.

No caso de Oscar M.C., ademais de posesión e venda de drogas que causan grave dano para a saúde, está acusado de tenza de armas prohibidas o que suma outros dous anos de prisión á pena pedida polo primeiro delito.

Outros catro acusados serán xulgados por delito contra a saúde pública por posesión e tráfico de drogas «que non causan grave dano á saúde» para os que o fiscal pide 2 anos e medio de prisión para cada un.

A acusada número 21, última en formar parte do escrito de acusación, é unha veciña de Pobra de Trives que supostamente compraba cocaína a Marcial G.G., ao que entregaba o diñeiro da venda e recibía del unha cantidade sen deteminar. O fiscal pide para ela tres anos e seis meses de prisión.

Todos os acusados quedaron en liberdade provisional en relación a este caso, e declararán o comezo do xuízo, salvo un que faleceu. Entre os testemuños prevese a de 16 axentes da Garda Civil, o xefe da unidade da Policía Xudicial, 13 persoas relacionadas cos acusados –algunhas delas imputadas ao inicio da investigación xudicial–, dous forenses e dous expertos en balística.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar