Portomeñe, o santo

Se o teólogo Francisco Carballo estivese para ler o libro Testigo y Parte, de Víctor Vázquez Portomeñe (Hercules Ediciones), de certo que exclamaría: «Este Portomeñe é un santo varón», dado o «boismo» que arrecende das súas páxinas. Eu atrévome a ir máis alá e propoño que os de Chantada comecen unha campaña para a súa canonización, pois, polo que se comprobou con Xoán Paulo II, agora non só é moi fácil ser santo, senón que se poden saltar todos os prazos. E digo que comecen os de Chantada pois, como relata no libro o ex conselleiro, ao verse na obriga de montar a infraestrutura autonómica, botou man dos seus veciños.

A comezos dos anos oitenta, cando eu andaba a realizar unha reportaxe sobre os enchufes na Xunta, Portomeñe xa me recoñecera que el lle abrira as portas da Administración autonómica a máis de 350 chantadinos, «de toda condición política, e sen cobrarlle nada a ninguén, como facían outros conselleiros».

Así, Chantada pasou de ser o concello do Estado que máis universitarios tiña en relación ao número de habitantes, nos anos 70, ao que ten o maior número de funcionarios/habitante, desde fins dos oitenta. A idea de subir aos altares a Portomeñe pode parecer moi tresleada, pero non o é tanto se consideramos que os de Chantada son moi seus niso dos santos.

Por exemplo, Afonso de Brigos é beato desde hai máis dun século. Nacido o 11 de decembro de 1723, foi o único fundador de obras relixiosas que tivo Galiza, pois a el se lle debe a última obra mendicante aprobada pola Igrexa católica. Pero ninguén o coñece, aínda que no 1922 se fundou na vila chantadina o único convento que esta orde tiña na península. Como Pío XII decreta no 1935 a extinción da orde, xa non quedou ninguén que o puxese nos altares.

Outra cousa moi diferente é o Corpo Santo. Enterrado en Santa Cruz de Viana (S. XIII), a Igrexa nunca o santificou, e aínda non se sabe moi ben quen era o home. Dise que pode ser o frade dominico betanceiro Miguel González, que ía cara á Matanza con San Pedro Telmo e se atopou mal, chantou o seu caxato, brotou unha fonte, floreceu o pau e… morreu. O 28 de abril celebraron a festa con moito devoto.

Así que se aos de Chantada, que nunca puideron votar a Portomeñe porque o impediu Cacharro Pardo, lles dá a zuna de festexar ao ex conselleiro, pois quen o vai impedir? Eu propoño que fagan o santuario na súa adega, onde tantas conroblas e conspiracións políticas celebrou, e que o día da súa festa sexa o mesmo da celebración da Feira do Viño de Belesar.

Se realizou milagres, non fai falta agardar a que morra para colocalo nos altares.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de «El Correo Gallego»

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar