Reganosa estuda construir un centro de distribución de gas licuado para buques

image
A planta regasificadora de Reganosa, situada en Mugardos (A Coruña) estuda a construción dun ‘hub’ ou centro de distribución de gas natural licuado (GNL) para buques que utilicen este combustible, co fin de aproveitar a posición «xeoestratéxica» de Ferrol no corredor atlántico e ante o aumento previsto de barcos que usen esta enerxía coa futura normativa europea sobre redución de emisións contaminantes.

Coa instalación deste ‘hub’ en Reganosa trataríase de converter «Ferrol e o seu porto no centro de distribución enerxética do noroeste», segundo sinalou durante a presentación o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, quen destacou que tamén supón para Galicia unha «oportunidade para consolidarse como plataforma de distribución de gas natural de Europa», ante a recente «inestabilidade» na zona do Leste e a «preocupación pola dependencia enerxética de moitos países cara a Rusia».

A creación deste centro de distribución tamén podería supoñer, avanzou Conde, unha «grande oportunidade» para o sector naval e os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, que «deben aspirar a construír novos buques, reparar e reconstruír», e «unha oportunidade na que os estaleiros teñen obriga de estar presentes e ser competitivos».

O proxecto, presentado nas instalacións de Reganosa en Mugardos, no interior da ría de Ferrol, elaborarase durante este ano e o próximo. O presuposto é de 1,2 millóns de euros, dos que o 50% será achegado por fondos europeos. Reganosa, a Xunta de Galicia –a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega)–, a Universidade de Santiago de Compostela, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a empresa Navantia tamén colaboran no desenvolvemento desta investigación.

No acto de presentación participaron o presidente de Reganosa, José María Paz; un técnico da empresa DNV GL, Jorge Pinto; o conselleiro de Economía; a titular de Facenda, Elena Muñoz; e representantes empresariais da bisbarra.

Coa instalación dun ‘hub’ de GNL poderíase aproveitar a crecente demanda deste combustible para buques, sinalaron. A empresa DNV GL cifrou en 1.000 as embarcacións que utilizarán gas natural licuado no horizonte de 2020. Na actualidade navegan 48 en todo o mundo, en especial buques de liña regular e cabotaxe, sen contar os barcos de transporte fluvial, e están autorizadas 55 novas construcións.

Para Francisco Conde o proxecto «beneficiará en conxunto ao porto e Navantia», posto que os gaseros que chegan a Reganosa para descargar poderían parar en Navantia para reparar e poderían volver despois cargar GNL, aínda que por este centro de distribución tamén poderían pasar os «40.0000 buques» que navegan polo corredor do Atlántico ou mesmo buques pesqueiros.

«O hub de GNL é a porta aberta a un futuro mellor» para Ferrol e para Galicia», engadiu, e «leva a dianteira a países como Estados Unidos, Alemaña ou Holanda, e esta vantaxe tense que converter en oportunidade de futuro».

Na mesma liña manifestouse José María Paz, o presidente de Reganosa, para quen «Galicia sae gañando», porque a Autoridade Portuaria verá incrementando o seu tráfico en Ferrol, «Navantia escalará postos na súa posición xa privilexiada de reparación de buques gaseros» e Reganosa «aumentará a súa actividade», mentres que a USC obterá beneficios neste campo punteiro.

O estudio, no que traballarán 30 persoas, analizará a demanda de GNL, as infraestruturas necesarias e o cambio regulatorio posible, aínda que tamén será necesario o «compromiso» da poboación e as autoridades.

«SEN INCIDENTES GRAVES»

En canto aos riscos desta instalación, Jorge Pinto sinalou que existe experiencia no uso e manipulación, e «cos gaseros que entran na ría», «non houbo ningún accidente grave», fronte a sinistros que si se produciron con petroleiros. Ademais, utilizouse xa durante 14 anos este tipo de combustible en buques «sen incidentes graves rexistrados de casos de lume ou explosión» e «non hai rexistros de incidentes con fuga significativa de GNL en máis de 50.000 operacións de avituallamento.

Segundo a información ofrecida por Reganosa, Huelva é o primeiro porto en España en regular hai dúas semanas o avituallamento de GNL como combustible, e outros portos como Gijón, Santander, Barcelona ou Cartagena, están a desenvolver proxectos para estudar as adaptacións que permitan proporcionar GNL a buques.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar