A obra de Xavier Prado «Lameiro», concentrada nunha nova edición

Baltar_Obrascompleta de Xabier Prado Lameiro

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da obra completa de Xavier Prado «Lameiro», un proxecto promovido pola Coral de Ruada, agrupación musical á que pertenceu o autor formando parte da súa xunta directiva, e editado co apoio da Deputación de Ourense e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

O acto de presentación contou coa presenza do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; do presidente da Coral de Ruada, Eladio Quevedo, e do autor da introdución á obra de Prado Lameiro, Delfín Caseiro.

O traballo presentado recolle toda a obra de Xavier Prado «Lameiro», na que destaca o seu compromiso social coa realidade e a galeguidade do seu tempo. Así o subliñou Manuel Baltar o afirmar que Prado Lameiro «mantivo unha constante actividade social que se viu reflectida na súa obra, un compromiso que hoxe nós queremos que sexa cultural coa edición destes volumes que amosan o apego do autor á súa terra, o igual que a Coral de Ruada, promotora desta iniciativa, que traballa cos ourensáns de onte e os ourensáns de hoxe polos ourensáns do mañá».

O presidente provincial dixo que falar de Xavier Prado «Lameiro» «é falar dun ourensán que ven a ser a expresión desa «república ourensá» ateigada de poetas e de artistas á que Luis González Tosar canta no seu Manifesto da Ourensanía».

Lameiro, nado en Ourense o 12 de setembro de 1874, combinou a súa profesión de veterinario coa súa faceta de xornalista, autor teatral e poeta, «sendo tamén unha figura clave do rexionalismo galego de principios do século XX, dentro das Irmandades da Fala», explicou Delfín Caseiro, engadindo que o seu compromiso político e social «levouno a recuperar, no ano 1917, a publicación do semanario O Tío Marcos d’a Portela, a que fora publicación de referencia na Galicia de finais do século XIX por obra do admirado mestre do xornalismo galego, Valentín Lamas Carvajal».

A contribución de Xavier Prado «Lameiro» a esta nova etapa de O Tío Marcos d’a Portela resulta determinante, xa que nesta nova etapa aparecen reproducidas unhas cincuenta composicións poéticas do autor, que foron compiladas entre 1918 e 1928 en dous libros de poesías.

Así mesmo, a pegada de Xavier Prado «Lameiro» no Tío Marcos pode verse claramente nunha sección, máis ou menos fixa e sen sinatura, titulada Parolas formás d’o Tío Marcos, dirixida habitualmente a labregos e gandeiros, os que animaba a mellorar as súas prácticas e, sobre todo, a unir as súas forzas en asociacións profesionais para chegar máis facilmente á compra de maquinaria, sementes, fertilizantes, sementais, etc., mostrando dese xeito o seu compromiso solidario coa terra, a sociedade campesiña e a lingua.

«Este compromiso social de Xavier Prado «Lameiro» –explica Delfín Caseiro- cristalizou nun estilo costumista, humorístico, irónico e ruralista, que lle permitía reflectir perfectamente os modos e comportamentos dos campesiños. Cando escribe en galego o fai recollendo fielmente a fala ourensá, tanto a do labrego galego como a do señorito que presume de falar o castelán».

Tamén salienta a relación entre Prado «Lameiro» e a Coral de Ruada, dado que o intelectual estivera presente xa na primeira xunta directiva da agrupación musical, unha unidade da cal xurde a publicación que hoxe se presentou. Esta obra está conformada por un tomo introductorio escrito por Delfín Caseiro, que achega a figura de Xavier Prado «Lameiro», e catro volumes nos que se reúne a obra completa deste autor, dunha parte as dúas obras poéticas A Carón d’o Lume (1918) e Cóxegas e Moxetes (1928) e doutra parte as dúas obras que recollen a súa produción dramatúrxica, Monifates e Farsadas, ámbalas dúas do ano 1928.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar