A Deputación de Ourense xestionará as once plantas de resíduos

Deputación de Ourense.
Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense pasará a xestionar directamente as plantas de transferencia de residuos sólidos urbanos das comarcas do Ribeiro e Terras de Celanova. A proposta da Presidencia tratarase hoxe na Comisión Informativa de Agricultura e Medio Ambiente do ente provincial e será debatida no pleno ordinario do presente mes de abril para a súa aprobación.

Desta maneira, a Deputación de Ourense pasará a xestionar todas a plantas de residuos da provincia -un total de 11 das que ata o de agora xestionaba 9-, co obxectivo de favorecer os concellos na redución de custos na prestación de servizos, neste caso no que atinxe á recollida de lixo.

Esta medida, en opinión do presidente provincial, Manuel Baltar, «enmárcase dentro da finalidade da Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, que atribúe á deputación, como competencia propia, a prestación do servizo de tratamento de residuos, do que forma parte o servizo de transferencia, en municipios de menos de 5.000 habitantes».

A infraestrutura do servizo público supramunicipal de transferencia de residuos sólidos urbanos está integrada por 11 plantas de transferencia, distribuídas por todo o territorio provincial. Estas plantas prestan servizo a 73 municipios, cubrindo as áreas xeográficas afastadas das dúas plantas de que dispón Sogama na provincia, situadas na Rúa e San Cibrao das Viñas.

Este servizo foi creado no ano 2006 e na actualidade 9 das 11 plantas están xestionadas de modo directo pola Deputación de Ourense, xetionándose por delegación unicamente as do Ribeiro –que abrangue os concellos de Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia- e Celanova –que inclúe os concellos de A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea).

Logo de oito anos de experiencia no funcionamento do servizo, e segundo os obxectivos da Lei de de Racionalización e sostibilidade da Administración Local, a Presidencia da Deputación de Ourense considera que a partires do 1 de xaneiro de 2015 sexa a institución provincial quen asuma a xestión do servizo de transferencia de residuos sólidos en toda a provincia, para evitar discriminacións entre os distintos concellos debido o diferente modelo de financiamento do servizo, pois, mentres nas plantas xestionadas pola deputación o seu custe é soportado pola administración provincial -sen repercusión para os concellos-, nas plantas xestionadas polas mancomunidades son estas as que asumen os custes, o que implica que os concellos teñan a obriga de contribuír o seu financiamento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar