Unanimidade en render homenaxe a Blanco Amor no 35 aniversario da sua morte

Eduardo Blanco Amor

Os catro grupos políticos do Parlamento de Galicia coincidiron este martes en reivindicar a figura do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, de cuxa morte se cumprirán en decembro 35 anos, e apostaron por que se poñan en marcha iniciativas para homenaxear o autor de «A Esmorga».
Durante o debate dunha proposición non de lei do PPdeG –que se votará este mércores e que foi xulgada como insuficiente polos grupos da oposición–, o deputado popular Miguel Santalices destacou que «ninguén dubida hoxe de que a mellor novela escrita en galego é «A Esmorga» e instou a buscar a «coordenación entre institucións para render o mellor recoñecemento» a Blanco Amor.
Santalices, que relatou que coñeceu o escritor porque era amigo da súa familia, resaltou que este mércores é o Día do Libro, polo que animou a aprobar a iniciativa por unanimidade. O ano 1979, dixo, foi «tráxico para a ourensanía», posto que en catro meses faleceron Celso Emilio Ferreiro e Branco Amor, «dous dos máis grandes da provincia e da terra».
Os grupos da oposición coincidiron na necesidade de recordar ao autor de «Xente ao Lonxe», pero tanto o PSdeG coma Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e o BNG consideraron que a proposta é insuficiente e que a Xunta debe ter iniciativa no recoñecemento do autor.
De feito, o voceiro socialista no debate, Francisco Caamaño, leu o texto concreto, que pide instar á Xunta a «colaborar» co tecido cultural e institucional para «favorecer o desenvolvemento de iniciativas que contribúan a promover activamente a divulgación e o coñecemento da vida e obra de Blanco Amor». A proposta, dixo, está «practicamente baleira de contido».
O escritor, proseguiu Caamaño, era unha persoa «impertinente, crítica e imprescindible». No mesmo sentido, o representante de AGE no debate, Xabier Ron, defendeu unha emenda na que reclama «concretar a inconcreción» do PPdeG e que editen materiais didácticos e audiovisuais, ademais de pedir convenios para promover a internacionalización da figura de Blanco Amor.
Ron referiuse tamén á censura que sufriu a súa obra e os problemas para publicala, ao igual que fixo a representante do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, que destacou que Branco Amor foi «ultraxado» pola súa homosexualidade e «abandonado pola cultura oficial. «Foi un autor tremendo e censurado da tremendista Galicia», sinalou e considerou que homenaxear o autor, como propón o PP, é «imprescindible».

O «ESPÍRITO DE BLANCO AMOR»

Por parte do BNG, Ana Pontón indicou que é «unha evidencia» que se trata dun dos mellores escritores en lingua galega e subliñou que era «provocador e irreverente e algunhas das súas frases serían borradas desta sesión».
O autor da proposición non de lei avogou por organizar actos en homenaxe do escritor e «recuperar o prestixio do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor» e facer unha exposición sobre a súa obra. Ademais, relatou unha anécdota respecto á morte do autor, que, dixo, non morreu nun taxi, senón nunha clínica de Vigo. O propio doutor, asegurou, díxolle que tratou de reanimalo.
Tras escoitar aos grupos da oposición, Santalices manifestou estar de acordo con varias das cuestións formuladas e declarouse satisfeito porque «o espírito de Blanco Amor sobrevoou a Cámara».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar