14.000 familias teñen xa acceso por móvil as cualificacións dos fillos

Movil
Nos últimos catro meses a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, triplicou o número de centros que poden dispoñer da aplicación abalarMóbil, que permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.

A implantación da aplicación arrancaba a finais de novembro en 11 centros piloto, o que implicaba a 4.500 familias. A día de hoxe abalarMóbil está dispoñible para preto das 14.000 familias do alumnado matriculado nos 35 centros piloto das 4 provincias galegas (15 da provincia da Coruña, 9 de Lugo, 4 de Ourense, 7 de Pontevedra; 16 centros que imparten educación primaria, e 19 institutos de educación secundaria).

Nas vindeiras semanas outros 30 centros terán dispoñible a aplicación e o nos vindeiros meses ampliarase o alcance de abalarMóbil paulatinamente ao resto dos centros educativos. Cando estea plenamente funcionando en todos os centros educativos preto de 500.000 nais e pais se poderán beneficiar das vantaxes da aplicación.

Funcionalidades
As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, solicitar unha cita de titoría, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, as incidencias creadas polo profesorado así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo e modificar o idioma da aplicación

AbalarMóbil pode descargarse dende o espazo da Xunta de Galicia nos markets Apple Store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android). Na actualidade, preto de 3.250 usuarios descargaron a aplicación (preto de 2.700 en Android e máis de 550 en IOS)

Acceso máis sinxelo
AbalarMóbil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A principal vantaxe da nova ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. O acceso desde un ordenador precisa dispoñer dun certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Coa nova aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de abalarMóbil.

Proxecto Abalar
O Proxecto Abalar, que se iniciaba no curso 2010/2011 ten como obxectivo transformar as aulas tradicionais en dixitais e mellorar a calidade do sistema educativo galega grazas a integración das TIC e coa implicación de toda a comunidade educativa. Neste curso, o equipamento de Abalar beneficia a 50.000 alumnos de 531 centros educativos.

Outro dos eixos fundamentais do proxecto é o Repositorio de contidos dixitais do espazoAbalar, que ofrece a toda a comunidade educativa preto de 2.100 recursos dixitais libres, principalmente destinados a educación primaria (888), secundaria (565) e bacharelato (536), en 4 idiomas (galego – 1011, castelán – 668, inglés – 323, e francés – 77). Dende o Repositorio de contidos dixitais do espazoAbalar téñense descargados preto de 3 millóns de contidos, 200.000 no último mes.

O portal do proxecto, espazoAbalar, leva recibido preto de 2.500.000 visitas, 1.200.000 no último ano; con máis de 1.000 docentes, e 2.500 familias empregando esta web como canle de comunicación entre os centros e as familias.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar