As políticas de Xuventude vanse orientar a educación e o emprego

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do Plan de Xuventude 2014-2016, dotado con máis de 340 millóns de investimento, que beneficiará a 450.000 mozas e mozos e que priorizará a educación e o emprego. “Actualizamos a estratexia para seguir apoiando aos mozos, para que os mozos galegos teñan mellor educación, teñan máis posibilidades de emprego, paguen menos impostos e teñan máis oportunidades na Comunidade Autónoma”, aseverou durante a rolda de prensa do Consello.

 

Feijóo referiuse ao plan como unha estratexia para a mocidade galega coordinada e consensuada. “Unha estratexia coordinada que pasa por converter a xuventude nunha materia transversal de todas as consellerías que conforman a Xunta, dando continuidade ao Plan Estratéxico que desenvolvemos no período 2010-2013; e unha estratexia consensuada, xa que o plan de actuación para mozas e mozos se fixo coas mozas e cos mozos, a través dun diálogo cos distintos colectivos e cos distintos mozos dos distintos concellos galegos”, subliñou.

EDUCACIÓN E EMPREGO

Ademais de estar dotado con 340 millóns de euros de investimentos, contar con máis de 240 medidas e 11 eixos de actuación, o presidente da Xunta avanzou que “os dous mandamentos que resumen este plan son a educación e o emprego”. Así, no eido da educación, avanzou que a estratexia recolle 37 medidas e un investimento de 8,5 millóns de euros para blindar bolsas de estudantes universitarios: 8.800 bolsas de estudantes universitarios financiadas con 8,5 millón de euros.

Así mesmo, este plan de xuventude vai da man do Plan de Emprego Xuvenil, dotado de preto de 100 millóns de euros para 2014-2015 e co obxectivo de beneficiar máis de 95.000 mozos. E, nesta liña, inclúe medias específicas destinadas a facilitar a realización de prácticas profesionais en diferentes organismos e departamentos da Administración, mediante a concesión de 320 bolsas.

No eido da creatividade e o espírito emprendedor, o plan recolle 22 medidas, nas que destacan as deducións fiscais: por exemplo, capitalización de empresas, que reducen un 95% a base impoñible do tributo de doazóns e sucesións. É dicir “consolídase unha medida iniciada no ano 2013 e que agora decidimos prolongar para todo o que resta de lexislatura”, explicou Feijóo, logo de precisar que, nos tres anos da estratexia, está previsto que os mozos galegos aforren por este concepto 7,5 millóns.

Os proxectos empresariais no agro contarán, ademais, cunha liña de axudas para facilitar a incorporación dos mozos á titularidade das explotacións agrarias. Axudas que contarán cun orzamento de 24 millóns de euros para favorecer 1.200 novos agricultores e gandeiros.

MÁIS ACTUACIÓNS

No eido da vivenda, Feijóo avanzou que o plan conta cun total de 7 medidas distribuídas entre subvencións directas e deducións fiscais. No tocante ás subvencións directas, o titular da Xunta referiuse fundamentalmente ás adxudicacións prioritarias a menores de 35 anos de vivendas de promoción pública, ás subvencións para a rehabilitación de vivendas e ás axudas ao aluguer. E sobre as deducións fiscais afirmou que estas permitirán que os mozos galegos paguen menos impostos para acceder a unha vivenda, tanto en réxime de aluguer como de propiedade. Os descontos afectan ao IRPF por alugamento de vivenda habitual e aos impostos de doazóns, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. En total, prevese que durante este período se realicen unhas 10.000 rebaixas fiscais de media, que suporán un aforro de 27 millóns.

Promover hábitos de vida saudables a través da prevención de condutas de risco e do fomento da práctica deportiva tamén é o obxectivo do eixo da saúde e deporte, que conta con 26 medidas encamiñadas a incidir na práctica deportiva nos centros escolares así como no eido da prevención de drogodependencias.

O presidente da Xunta resaltou tamén, na rolda de prensa, que os programas de educación non formal, mobilidade, participación e voluntariado contan cun investimento de 11 millóns de euros destinados a estes fins: Iniciativa Xove, proxectos locais de xuventude e voluntariado xuvenil; e programas de mobilidade de xuventude, nos que, segundo as previsións, participarán 7.850 mozos nestes tres anos do plan.

Por outra banda, un dos eixos de nova creación deste Plan estratéxico de Xuventude é o destinado a fomentar o uso do galego nos distintos ámbitos sociais e mellorar as competencias lingüísticas dos mozos, cun orzamento de 3,5 millóns.

Así mesmo, e para a prevención da violencia de xénero entre as mozas e mozos, o plan recolle unha liña de igualdade, con seis medidas e un orzamento de 7,6 millóns de euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar