Un consello asesor fixa os criterios para as publicacións da Deputación de Ourense

Baltar_Consello Asesor publicacións Deputación Ourense

Na Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a constitución do Consello Asesor de Publicacións, un órgano que ten como obxectivo fixar os criterios para a selección e edicións de obras e para a realización de obras en réxime de coedición, así como establecer convocatorias de selección ou encargo para obras previstas. Os acordos deste consello deberán ser validados pola Xunta de Goberno da Deputación de Ourense.

O Consello Asesor de Publicacións está presidido por Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e integrado por Afonso Vázquez-Monxardín, Isabel Diéguez Castrillón, Jesús de Juana López, Antonio Piñeiro Feijoo, Luís González Tosar e Eva Torres Rodríguez.

Na xuntanza de hoxe deuse conta do informe sobre o proxecto do plan anual de publicacións da Deputación de Ourense para o exercicio 2014, e informouse sobre proxecto de bases reguladoras do concurso para selección de obras para a súa edición ou coedición pola institución provincial correspondente o mesmo exercicio.

Precisamente estas bases recollen que a edición das obras serán con cargo á Deputación de Ourense e poderá tamén existir a posibilidade de coedición entre a deputación e entidades sen ánimo de lucro. Poderán presentarse ó concurso regulado nestas bases as obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, realizadas en calquera formato ou soporte (escrito, fonográfico ou audiovisual) que sexan compilacións, escolmas ou antoloxías de artigos publicados en periódicos locais de Ourense ou nas edicións locais de periódicos de ámbito máis amplo, así como gravacións ou transcricións escritas de programas radiofónicos locais; e tamén obras que teñan por obxecto o estudo ou divulgación do patrimonio cultural material e inmaterial ou do patrimonio natural de Ourense.

Asemade, poderán publicarse estudos históricos, científicos, xurídicos ou literarios relacionados coa provincia de Ourense, e obras artísticas, videográficas, literarias ou musicais de autores ourensáns de temática libre.

As obras seleccionadas a través do presente concurso serán editadas pola Deputación de Ourense baixo as condicións que se establezan nos correspondentes contratos de edición, que serán obxecto de negociación cos autores e a lingua de edición será a elixida polo autor, entre as dúas linguas cooficiais (galego ou castelán), se ben, no caso de obras editadas en lingua castelá, a deputación poderá realizar ademais, en todo caso, unha edición en lingua galega, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

A contía máxima dispoñible para o financiamento das edicións para o exercicio 2014 é de 130.000 euros.

Obras para 2014

Entre as obras que se van a editar este ano figura a reedición da obra de Clodio Fernández Pérez A indumentaria tradicional galega. O traxe feminino, a solicitude do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo Xocas. Prevese a edición dunha obra relacionada co Padre Feijóo, tendo en conta que en 2014 cúmprense 250 anos do seu pasamento.

En canto á edición de obras de autores ourensáns de recoñecido prestixio, inclúese unha compilación dos artigos de Eduardo Blanco Amor publicados no diario La Región, e no que atinxe a obras que recollan a actividade propia dos servizos provinciais editarase o Anuario da Gaita correspondente ó ano 2013, o nº 11 do xornal Raigame, unha obra informativa e divulgativa sobre o Museo Internacional da Cornamusa, dependente da Deputación de Ourense, o Plan Provincial Particip@ na rede, elaborado pola Área de Medio Ambiente e o estudo Ourense, provincia termal, elaborado por Crecente Asociados, SL no marco dun convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e a Axencia Turismo de Galicia.

En canto á edición de obras premiadas pola Deputación de Ourense, prevese a edición da obra gañadora do premio Pura e Dora Vázquez 2014, «O trasno de Bóveda e a chave máxica», e tamén a edición do segundo volume da obra en colaboración Galegos de Ourense, coordinada polo profesor don Jesús de Juana.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar