O surf mundial chega á praia da Lanzada

Surf Galicia 1

A praia de A Lanzada acollerá do 10 ao 13 de abril unha das dúas únicas probas do campionato mundial de surf que se disputarán en España, e, xunto co Pantín Classic, será unha cita obrigada para os mellores surfistas a nivel nacional e internacional.
Tralo éxito acadado na pasada edición, a Deputación Provincial e os clubs de surf da provincia seguen colaborando co obxectivo de situar a Pontevedra como un referente turístico neste deporte.
Segundo aseguraron o vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, e a deputada provincial responsable de Deportes, Begoña Estévez, na presentación deste evento, a Deputación quere, ademais, que o Surf Rías Baixas Pro se converta en moito máis que unha competición deportiva e sexa unha ocasión para a promoción das Rías Baixas como destino turístico.
Grandes figuras do surf
No acto de presentación, no que tamén participou Marcos Rodríguez como representante da organización; membros de dúas das escolas de surf colaboradoras no evento (Mission e Prado) e os concelleiros de Medio Ambiente de Sanxenxo e O Grove, subliñouse a capacidade de atracción desta nova edición do Surf Rías Baixas Pro, tras o ascenso de categoría deste evento, que pasa da proba junior que era o pasado ano a proba clasificatoria do mundial, cunha estrela da Asociación de Surf Profesional.Escuela Surf&Rock - Surf y bodyboard (Playa de Razo, Galicia)
A categoría acadada garantiza a presenza das máis representativas figuras do surf a nivel nacional e tamén internacional. Así, nestes momentos son xa 80 os inscritos (60 para as probas masculinas e 20 para as femininas) e agárdase que a inscrición aumente de aquí a que remate o prazo, o vindeiro mércores.
Entre os inscritos está Gony Zubizarreta, o deportista vigués situado na elite deste deporte e embaixador das Rías Baixas e de Galicia no ámbito do surf internacional.
Outros dos participantes serán Joan Durú, Campión de Europa 2009 e Tom Cloarec dende Francia, o portugués Rubén González, ou os surfistas nacionais Hodei Collazo, Vicente Romero, Eneko Acero ou o brasileño Caue Wood.
Entre as participantes femininas destaca a presenza de Alize Arnau, campiona Mundial Junior Femenino ASP 2010; Maud Le Car, a promesa do surf francés; Garazi Sánchez, primeira muller española que participou no Circuito Mundial WQS ou Leticia Canales, 9ª do mundo no Ranking da ASP Junior.
1.000 bautismos de surf
Como complemento ao campionato, desenvolveranse unha serie de actividades paralelas gratuítas e abertas a todos, tanto a achegar este deporte á sociedade en xeral como a crear conciencia ambiental.
Así, repetirase a exitosa experiencia da pasada edición cos bautismos de surf, nos que participaron numerosos cativos e non tan cativos.
Nesta ocasión, os bautismos de surf realizaranse durante os catro días que dure o campionato, en horario de mañá e tarde e neles poderán participar todos os interesados a partir de 9 anos.
As clases organízanse en colaboración coas escolas de surf Tartaruga, Riders, Mission e Prado e está previsto que participen unhas 1.000 persoas.
Tamén durante os catro días e inmediatamente antes dos bautismos de surf da tarde, o shaper (construtor de táboas) de Zorlak Surfboards ofrecerá charlas didácticas sobre a construción e funcionamento das táboas de surf que uns minutos despois empregarán para iniciarse no deporte.
Rescate en moto de auga
Outra das novidades desta edición é o curso de introdución ao rescate con moto acuática, no que os interesados poderán recibir clases teórico-prácticas con nocións básicas sobre o rescate acuático, da man de Bruno Novoa e o equipo de Jet Galicia. Nesta actividade tamén será preciso inscribirse, seguindo o mesmo procedemento que para os bautismos de surf.
As actividades relacionadas con este deporte completaranse cunha sesión de proba de táboas de surf na que os asistentes poderán probar diversos modelos de táboas de forma totalmente gratuíta, e a sinatura de autógrafos durante as xornadas do sábado e o domingo na que os mellores surfistas do campionato estarán presentes na carpa de Mission Schooll, situada na zona de competición.
Deporte e concienciación ambiental
Non faltarán tampouco a concienciación ambiental, con dúas limpezas de praias que terán lugar o venres e o sábado e coa que a organización do evento pretende sensibilizar a grandes e pequenos no coidado e respecto ao medio ambiente.
Todos os asistentes que o desexen poderán participar e disporán para iso de luvas de látex e bolsas de lixo.
A elas sumaranse partidos de volei-praia e de paddle board, ademais de clases de iniciación a este deporte, entre outras actividades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar