Feijóo chama a tomar como referente de convivencia a Transición política

Feijóo_Puro Cora El Progreso_3

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que “se o gran protagonista do nacemento da democracia española foi Adolfo Suárez, a gran protagonista foi a política”, polo que chamou a buscar na transición o exemplo para a rexeneración que hoxe precisamos. Segundo dixo, tal rexeneración “non pode vir nin desde a denigración da política nin de solucións que pretenden subvertelo todo cara a un obxectivo que nunca se define. A rexeneración está escrita con letras de ouro na transición”.

Durante o acto de entrega, este mediodía en Lugo, do premio Puro Cora que concede o diario El Progreso ao xornalista Andrés Aberasturi, Feijóo considerou necesario lembrar a importancia da política na instauración da democracia, nun momento como o actual en que a esta adquire connotacións negativas, “debido a culpas propias de certos responsables públicos e tamén ás esaxeracións dos que ven en cada excepción unha regra e estenden unha sospeita xeneralizada”.

Na súa intervención, o titular da Xunta subliñou que a política en España “non nace cun pecado orixinal, senón cunha virtude orixinal, inculcada por homes e mulleres de todos os credos políticos”. Salientou que ningún dos protagonistas da transición tiña experiencia en gobernar en democracia, senón que a pauta estaba marcada no anhelo do presidente Adolfo Suárez de “facer politicamente normal o que na rúa era normal”. “O éxito daquel experimento está sintetizado nesas palabras e penso que tamén se resume nelas o tratamento á crise de confianza que hoxe padecemos”, remarcou.

O mandatario galego subliñou que Suárez e a súa xeración practicaron “a política de proximidade, levan a cabo unha política peonil, e con iso conseguen que a política con minúsculas pase a escribirse con maiúsculas”. E, nesa liña, considerou que se entón se puido “baixar a política do pedestal, e abrir de par en par as fiestras e as portas dos despachos da administración, agora tamén se pode”.

Xunto co papel desempeñado por “homes e mulleres providenciais”, entre os que destacou a Adolfo Suárez e “a figura indiscutible da Súa Maxestade El Rei”, Alberto Núñez Feijóo puxo en valor o labor na transición de medios de comunicación como El Progreso, “que ensinaban a dialogar, que practicaban cada día, en cada plana, a arte da responsabilidade social”.

Así mesmo, destacou os xornalistas que foron testemuñas e protagonistas desa época, como Andrés Aberasturi, de quen subliñou a súa carreira “prolífica e diversa”, así como a súa defensa da liberdade, da tolerancia e da solidariedade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar