Nava Castro aposta polo turismo de calidade

Nava Castro_Club Naútico de Rodeira_Q de calidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez interveu esta mañá no acto oficial de izada da Bandeira Q de Calidade Turística no Real Club Náutico de Rodeira en Cangas. A estación náutica ven de obter este distintivo que acredita a implementación de sistemas de xestión da calidade e co que xa contan outras oito estacións náuticas galegas.

Segundo recalcou Nava Castro, Galicia lidera con estas nove distincións o segmento da calidade turística nas estacións náuticas do Estado. “A aposta pola diferenciación a través da implementación de sistemas de xestión e calidade nun eido tan fundamental para a imaxe turística de Galicia como son os portos e a costa redunda directamente na percepción da comunidade como destino turístico diferencial”, explicou.

A Bandeira Q de Calidade Turística ondea hoxe por primeira vez no Real Club Náutico de Rodeira. Nava Castro explicou que grazas á aposta, tanto do sector público como do sector privado en canto á xestión da calidade do destino, Galicia ten conseguido neste ano pasado un exitoso balance en número de distintivos, sendo a segunda comunidade con máis Q de Calidade Turística do Estado, con 249 distintivos. Nove deles en instalacións náutico-deportivas, “o que nos converte en líderes do Estado neste segmento”.

Ao tempo, a directora de Turismo resaltou a importancia de traballar na calidade turística do destino para incrementar a competitividade deste no mercado turístico global. E dixo que “dende a nosa liña estratéxica dirixida a potenciar unha oferta turística baseada no noso patrimonio e nos nosos recursos endóxenos, traballamos na creación do Club do Produto Turístico da Auga de Galicia, que inclúe a articulación de experiencias turísticas relacionadas co uso da auga”. Recalcou tamén que o turismo náutico e todas as actividades complementarias forman parte desa oferta experiencial. “Galicia con 1.659 quilómetros de costa e 863 praias conforma un dos mellores escenarios para a práctica das actividades deportivas”, dixo.

Galicia lidera tamén o ránking de Bandeiras Azuis en praias e en sendeiros –con 127 e 11, respectivamente-, así como en portos deportivos con Bandeira Azul -17-. “A calidade e o respecto medioambiental integran o noso desenvolvemento como destino”, explicou a directora de Turismo, quen lembrou tamén que este ano, con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, Galicia celebrará a primeira Travesía Náutica Xacobea.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar