Respecto ao Parlamento

O acontecido recentemente nas rúas de Santiago é inaceptable. Vaia por diante que o emprego da violencia desacredita a quen a emprega. Semellante calificación merecen os armadores pechados no Parlamento e mesmo a concentración dos alcaldes as súas portas para protestar pola revisión das taxas de Sogama.

Os mariñeiros do cerco teñen dereito a dar a súa opinión sobre o que consideren oportuno; a reivindicar as súas ideas e criticar os acordos se os consideran perxudiciais para os seus intereses e incluso, amparados pola propia Constitución, poden sair á rúa e manifestarse para deixar claro o seu sentir. A súa protesta, de feito, contaba coa pertinente autorización e cun itinerario perfectamente establecido que unilateralmente decidiron variar. Así que, o que, de primeiras, era legal, civilizado e razoable rematou por converterse nunha algarada en toda regra, cargada de violencia, na que houbo numerosos destrozos, feridos e tamén detidos. Insisto en que os mariñeiros do cerco, ó igual que os armadores e os alcaldes, teñen dereito a ser escoitados e respectados pero a súa actitude non ten excusa; a violencia empregada, en maior ou menor medidas segundo os casos, réstalles razón e, mírese por onde se mire, da violencia desatada é responsable quen a xenera.

A actitude dos rexidores locais, se me permiten o matiz, é aínda menos comprensible e máis reprochable, dado que, como representantes públicos que son, deberían ter máis interiorizado o respecto institucional e o que representa o Parlamento. Entre outras razóns porque eles, polo cargo que ostenta, son representantes institucionais. En definitiva, son representantes públicos e o seu proceder non é precisamente o exemplo mellor que poden dar.

Non quedan tampouco en moi bo lugar as formacións políticas que, dende os escanos, sumáronse ó tumulto que se estaba a producir ás mesmas portas do Parlamento, abandoando uns o pleno que se estaba a celebrar, outros renunciando á defensa das súas iniciativas e ata algúns sumándose ó que acontecía no exterior da Cámara. Semellante situación, con escasos precedentes, obrigou a supender a sesión plenaria. Recalco, unha vez máis, os dereitos dos que dispoñen as persoas individuais, os colectivos sectoriais e mesmo os cargos electos para proclamar as súas reivindicacións, pero apelo tamén ó respecto ás regras do xogo democráticas, tanto nas cámaras de representación como nas rúas. O Parlamento, a maiores, como sede do poder e a representación popular, require e merece ser obxecto dun maior respecto do claramente amosado durante os acontecementos rexistrados o pasado martes por uns e outros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar