Piden 243 anos de cárcere por roubar cartas

Manuel Fernández Castiñeiras_autor robo ladrón Códice

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago ditou este mércores un auto de apertura de xuízo oral contra José Manuel Fernández Castiñeiras, o ladrón confeso do Códice Calixtino, para o que o Ministerio Fiscal pide 243 anos de prisión por 162 delitos contra a intimidade polo roubo da correspondencia dos seus veciños.

Segundo recolle o auto, o Fiscal acusa a José Manuel F.C. de 162 delitos contra a intimidade e pide para el 18 meses de prisión por cada un dos delitos e multa de 15 meses cunha cota diaria de 30 euros, así como unha indemnización por «dano moral» de 1.000 euros para 19 persoas.

En total, isto suporía 243 anos de prisión e unha multa de 2.187.000 euros polo roubo continuado de correspondencia privada dos seus veciños.

Así mesmo, contra o acusado tamén se formulou escrito de acusación por parte da acusación particular, que imputa a José Manuel F.C. 295 delitos contra a intimidade. Neste caso, a acusación solicita 36 meses de prisión por cada un dos delitos, o que sumaría unha pena total de 885 anos de cárcere.

Ademais, a acusación particular reclama unha multa de 20 meses con cota diaria de 30 euros, o que supón 5.310.000 euros. Para os prexudicados, un total de 21, pide indemnizacións de entre 1.100 e 7.800 euros.

O maxistrado, que declara competente para celebrar o xuízo ao Xulgado do Penal de Santiago que corresponda, impón no auto unha fianza de 6.600 euros ao acusado para «asegurar as responsabilidades pecuniarias que puidesen impoñérselle».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar