O abastecemento de auga a Ames e Brión estará listo nun ano

Hernández_Santiago Amor_abastecemento Ames e Brión

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, comunicou esta mañá que a Xunta de Galicia rematará no primeiro trimestre de 2015 os traballos da estación de tratamento de auga potable que completa o novo sistema de abastecemento dos concellos de Ames e Brión. Este anuncio foi avanzado durante a súa visita ás obras acompañado pola delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; e os alcaldes de Ames, Santiago Amor; e Brión, José Luis García.

Hernández explicou que a actuación garantirá un subministro futuro para os dous concellos que están a presentar un aumento de poboación significativo, sendo Ames o municipio galego que máis crece con mais do 50 por cento na última década.

Así, coa finalización destas obras ambas vilas da área de Santiago terán por primeira vez un sistema de abastecemento propio a través do río Tambre, que lles garantirá o subministro sen depender doutros concellos ou traídas.

A nova ETAP que se sitúa preto da aldea de Ponte Maceiras terá unha capacidade de 175 litros por segundo para dar servizo a todo o municipio de Ames e de Brión, sendo preto de 42.000 os habitantes beneficiados coa súa posta en marcha y uns 97.000 nunha estimación futura.

O proxecto inclúe 12 quilómetros de tubaxe, xa instalados na súa totalidade, así como un deposito de regulación e de cabeceira de 10.000 metros cúbicos que se conectará por gravidade e subministrará auga cara os depósitos xa existentes en Brión e Ames.

Hernández comunicou que cunha inversión de mais de 8 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia aporta o 80 por cento, se garante o servizo de abastecemento á poboación dos dous concellos.

COLABORACIÓN
Os traballos do novo sistema de abastecemento para os concellos de Ames e Brión atópanse dentro do programa de colaboración técnico financeira que o Executivo autonómico ofrece aos municipios que dispoñen dun orzamento insuficiente para construír infraestruturas hidráulicas centradas na mellora dos servizos de abastecemento e saneamento aos seus cidadáns.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar