A Xunta pon en marcha un plan contra a crecente obesidade infantíl

 

Feijóo_consello 13032014_2

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta dun plan de loita contra a obesidade infantil para reducir o sobrepeso nos nenos de hoxe e evitar este problema nos adultos do mañá.

Tal e como xa adiantou esta semana, Feijóo explicou que o Plan Xermola xorde dun diagnóstico claro tras varios meses dun exhaustivo estudo da obesidade e do sobrepeso en idade infantil por parte dos profesionais do Servizo Galego de Saúde. Así, explicou que, sobre unha mostra representativa de case 7.500 nenas e nenos de entre 6 e 12 anos de idade, constátase que o 24,8% deles teñen sobrepeso e o 8,3% padece obesidade; o que significa que, na Educación Primaria, case un 35% dos escolares padece estas afeccións. Unhas cifras que son semellantes, aínda que algo máis baixas, se falamos de rapaces en idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos, dos cales un 6% sufre obesidade e un 23% supera o peso medio recomendado. Isto supón, precisou, que a porcentaxe media destas patoloxías na comunidade educativa en Galicia é do 33,1%.

Fronte a estas cifras, subliñou que é evidente que existe un problema de saúde pública entre os máis cativos que cómpre afrontar, non só porque a obesidade en idade infantil é o principal factor de risco para a obesidade no adulto, senón tamén porque se asocia con graves patoloxías, xa en idades temperás, como as enfermidades cardiovasculares, a síndrome metabólica, a diabetes e con problemas psicosociais.

Tanto polas súas consecuencias inmediatas na saúde, como polos seus riscos na vida adulta, “é imprescindible abordar estas doenzas cunha metodoloxía, cun protocolo e cun programa concreto e cunha coalición entre os profesionais da educación, da sanidade e, por suposto, coas familias galegas”, aseverou.

Lembrou, así, que a Xunta ten levado a cabo numerosas actuacións neste eido como a asesoría e supervisión de menús escolares, a formación de responsables nos comedores dos centros educativos, a edición de libros para o fomento de hábitos de alimentación saudables nas escolas, ou o programa on-line Xente con Vida. E destacou a necesidade de afondar na loita contra a obesidade infantil “con máis intensidade e de forma continuada”. “Con ese obxectivo -asegurou-, hoxe vimos de aprobar o Plan Xermola, listo para comezar a súa implantación con carácter inmediato e co horizonte de aplicalo nos vindeiros oito anos”.

Implicar á sociedade na importancia de prever a obesidade desde a infancia
Logo de resaltar que a configuración desta folla de ruta foi produto do traballo de cinco grupos liderados por persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos científico e académico, empresarial, escolar, familiar e comunitario, e no ámbito sanitario, o presidente da Xunta adiantou que esta nova iniciativa concrétase en 34 intervencións, agrupadas dentro de cinco liñas estratéxicas: a normativa, a participativa, a innovación e a investigación, a vixilancia, e o plano informativo-formativo.

No tocante ao eido normativo, explicou que o obxectivo do plan será crear un único protocolo de intervención no ámbito sanitario, escolar, municipal e comunitario, desenvolvendo, por exemplo, unha normativa para regular e verificar a oferta alimentaria en todos os centros escolares galegos.

Así mesmo, buscarase concienciar á sociedade na importancia da prevención, estimulando a participación e a implicación das familias, as institucións ou incluso as empresas do sector agroalimentario. Nesta liña, crearase unha comisión con representación dos grupos parlamentarios e fomentarase a creación de equipos municipais nos concellos.

No campo da innovación e a investigación, as liñas de acción irán encamiñadas a impulsar a investigación sanitaria da obesidade infantil, coa colaboración das universidades, os centros de investigación e o tecido empresarial. Estableceranse acordos coas universidades para que prioricen liñas de investigación sobre a obesidade infantil e liñas de colaboración de forma especial co Clúster da Alimentación de Galicia para crear un tecido de investigación sólido sobre este asunto.

Por outra banda, a área de vixilancia analizará patróns alimentarios e de actividade física entre os menores de 18 anos que permitan orientar os protocolos de actuación. E porase en marcha un observatorio para a avaliación e o seguimento do estilo de vida dos galegos no seu ciclo vital, en consonancia co Observatorio da Nutrición ou a Axencia Española de Seguridade Alimentaria.

No que se refire á estratexia informativa-formativa, Feijóo explicou que o plan recolle unha serie de accións destinadas a capacitar aos profesionais na atención da obesidade, e a concienciar ás familias e á sociedade no seu conxunto sobre a importancia de manter hábitos de vida saudables. Así, por exemplo, faranse programas formativos para o persoal sanitario, para os docentes ou para o persoal de cociña dos comedores escolares; abrirase unha ventá na historia clínica pediátrica para facer un seguimento daqueles pacientes infantís estas afeccións; e fomentarase a inclusión de contidos relacionados coa saúde nas titulacións con previsión de docencia na súa carreira profesional.

Por último, o presidente da Xunta referiuse a esta iniciativa como “un plan realista que parte dun diagnóstico realista”. Un programa, dixo, “para o presente” porque a obesidade e o sobrepeso infantil é un trastorno que pode ocasionar problemas aos nenos e ás nenas de hoxe; e, para o futuro, porque atallar estas patoloxías desde a infancia é unha forma de prevelas na vida adulta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar