Beiras confirma a aceptación de Lidia Senra como candidata ás eleccións europeas

Lidia Senra.
Lidia Senra.

O voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, confirmou este martes que a que foi secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) Lidia Senra aceptou o ofrecemento de «encabezar a lista galega» e, deste xeito, ocupar o posto número cinco da candidatura que impulsa Esquerda Unida no ámbito estatal.

En todo caso, en rolda de prensa no Parlamento tras a reunión da xunta de voceiros, puntualizou que esta elección aínda ha de ser ratificada pola militancia de Anova –ao igual que o resto da lista–, o cal se fará, asegurou, «coa máxima celeridade posible».

Así as cousas, ironizou con «todas aquelas hipóteses de mandar a Beiras a Bruxelas» ou de se «Beiras quería mandar a Martiño (Noriega)», o alcalde de Teo, o futuro da cal pasa por tratar de proxecto de Anova. «O único que fixo Beiras foi promover que se falase con Lidia Senra», remachou en referencia ao apoio explícito que deu para promover esta candidatura.

Dito isto, destacou que Lidia Senra «non é un cadro político» nin «unha persoa do aparato», senón que «representa a loita obreira e agraria». «É un nexo cos movementos sociais», resaltou, e concretou que o seu labor será «clamar en Bruxelas en defensa da identidade» de Galicia.
DIMISIÓNS EN ANOVA

Por outra banda, Beiras indicou que o próximo sábado –na reunión da Coordinadora Nacional– resolverase «o baleiro de poder» dentro de Anova tras a dimisión de dez membros a raíz do resultado do referendo que supuxo a elección, por parte da militancia, de concorrer ás europeas coa esquerda federal.

«Se se consuma a dimisión», apostilou, en referencia a que será neste órgano máximo de decisión entre asembleas no que os dimisionarios deberán ratificar a súa decisión.

De tódolos xeitos, Beiras matizou que ese «baleiro de poder» non é tal, toda vez que a Permanente non é un órgano con capacidade de decisión, xa que se trata dun comisionado da Coordinadora Nacional, que é o órgano que realmente ten capacidade decisoria nesta organización política.

Pola súa banda, a Comisión Permanente en funcións emitiu un comunicado de prensa este martes para explicar que a Coordinadora deste sábado habilitará o método de elección dos candidatos e o cal se levará a cabo «por elección directa por toda a militancia».

Así mesmo, o núcleo da permanente agora dimisionario, o cal apostou no referendo pasado por unha candidatura de forzas nacionalistas e do que Beiras se desmarcou posicionándose a favor da esquerda federal, pon en dúbida no seu comunicado –que asina en funcións– ao expresado polo voceiro nacional da organización en rolda de prensa (a quen non se refiren) ao asegurar que os nomes de «posibles candidatos son especulacións».

«Dificilmente se pode falar con fundamento deste tema cando a Coordinadora Nacional aínda non botou a andar ese método para escoller as persoas e que en principio será aberto a toda a militancia e por elección directa de todas as persoas que se presenten», sinala o comunicado.
«AUTOCRÍTICA»

Por outra parte, e despois de que a covoceira de AGE, Yolanda Díaz, recoñecese –nunha entrevista concedida á Cadena SER– que a coalición non está a facer «as cousas ben», Beiras asumiu que si está «por debaixo do nivel» que se propuxera inicialmente.

Malia este «exercicio de honestidade» que implica «tacitamente unha exhortación» ao resto de integrantes da alianza, o veterano político opinou que Alternativa traballa «moito mellor» que o resto de grupos parlamentarios e «promovendo a colaboración» con eles.

Así mesmo, recordou os «esforzos» de Anova por «conseguir unha fronte ampla en Galicia», co que Esquerda Unida «estivo totalmente de acordo» e que o BNG «boicoteou sistematicamente».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar