Baltar traslada a Feijóo proxectos de servizos públicos para Ourense

Feijóo_Baltar-Depurense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e cos conselleiros de Economía, Medio Ambiente e Medio Rural para tratar temas referidos a proxectos de infraestruturas, termalismo, emprego, benestar e medio rural para a provincia de Ourense.

Na súa primeira xuntanza, con Núñez Feijoo, Baltar acompañou ao alcalde de Celanova, José Luis Ferro, quen lle presentou ao titular do goberno galego o proxecto para a construción dun campo de fútbol de herba artificial en Celanova. Núñez Feijoo comprometeuse a que esta obra figure dentro do Plan de Infraestruturas Deportivas 2014-2016 da Xunta de Galicia. Asemade, falaron da presentación do Plan Provincial de Termalismo de Ourense e do inicio de conversas co goberno autonómico para a posta en marcha e execución do devandito plan. Precisamente, o vindeiro venres, Manuel Baltar manterá unha reunión coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, para concretar o convenio de colaboración xa anunciado para a creación do Consello Termal Ourensán. Precisamente, o tema do plan termal tamén foi o obxectivo da reunión que mantivo tamén o presidente provincial co titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

Coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, Manuel Baltar abordou a participación da Deputación de Ourense no deseño dun programa de camiños no rural para os concellos da provincia ourensán, no que xa está a traballar Medio Rural, e tamén falaron da próxima sinatura de convenios entre o Inorde e o departamento de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, na reunión que de seguido mantivo Baltar coa conselleira de Traballo, Beatriz Mato, avaliouse o desenvolvemento do Plan BenOurense 2013, e o presidente provincial comunicoulle a aprobación do Plan BenOurense 2014. Ademais, analizaron cuestións relacionadas co emprego e coa demografía, un tema que se está intentando relanzar e que supón, segundo defende Manuel Baltar, unha das grandes preocupacións para a provincia de Ourense, polo que avoga por unha colaboración conxunta entre administracións para que acheguen solucións a este problema.

Finalmente, Manuel Baltar tamén acompañou aos alcaldes de Verea, Bande e Celanova á presentación que fixeron para o vindeiro concurso de obradoiros de emprego, tendo como precedente o éxito que ten acadado xa o obradoiro que actualmente está en marcha, centrado no tema das industrias culturais e do turismo cultural, unha liña innovadora en Galicia no que atinxe a obradoiros de emprego.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar