59 mil mozos vironse beneficiados polas políticas de acceso ao emprego

Feijóo_Mato_Ovidio_Xuventude e emprego

A Estratexia de Xuventude 2010-2013 supuxo un esforzo transversal realizado polo conxunto dos departamentos da Xunta en catro materias fundamentais para a mocidade: emprego, vivenda, educación e participación e mobilidade. En concreto, en materia de emprego investíronse 185 millóns de euros neste período para axudar a 59.000 mozos e mozas; e, en materia de vivenda, 40.000 beneficiáronse de deducións fiscais ou subvencións directas cun orzamento de 137 millóns de euros.

Así o destacou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, trala sesión constitutiva do Comité Galego de Políticas de Xuventude, que presidiu Alberto Núñez Feijóo. Este novo órgano nace co obxectivo de reforzar e consolidar a transversalidade das políticas públicas dirixidas á mocidade, no marco da Lei de xuventude de Galicia que ten como un dos eixos principais o fomento da coordinación entre todos os departamentos que traballan neste eido, o que permitiu pasar das 248 medidas iniciais ás 300 executadas finalmente.

 

 

En materia de emprego, a titular de Traballo explicou que para o Goberno autonómico é “unha prioridade absoluta” loitar contra as cifras de desemprego xuvenil, a pesar de que Galicia se atopa máis de seis puntos por debaixo da media estatal neste ámbito. Un dos principais eixos da Estratexia foi o de mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas, para o que se destinaron mais de 185 millóns de euros que permitiron beneficiar a 59.000 persoas.

Destacan as actividades de formación dirixidas a incrementar a preparación e cualificación dos mozos e mozas, enriquecendo os seus currículos e aumentando as súas posibilidades de inserción ou mellora no mercado laboral. Nestas actividades formativas investíronse preto de 95 millóns de euros, con máis de 47.000 beneficiarios. Ademais da formación, destacan os incentivos á contratación e as axudas ao emprendemento.

Respecto á vivenda, conseguiuse axudar a 40.000 mozos e mozas para o acceso a unha vivenda, xa fose en réxime de compra ou alugueiro. Para iso mobilizáronse 137 millóns de euros a través de deducións fiscais ou subvencións directas.

Feijóo_Mato_Ovidio_Xuventude e emprego_2

 

A nivel de Educación, a Estratexia facilitou aos mozos axudas complementarias coas bolsas Erasmus, axudas para estadías en países da UE, e bolsas universitarias en países extracomunitarios. En total, 6.600 mozos beneficiáronse destas axudas, nas que se investiron cinco millóns de euros.

Por último, a Estratexia incluíu tamén catro eixes propios da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado: a mobilidade, a participación, o voluntariado e a información. O conxunto destes eixes contaron cun orzamento de 17,6 millóns de euros e 14.000 beneficiarios. Neste investimento inclúense iniciativas como Galeuropa, Xuventude en Acción, Iniciativa Xove ou o Servizo de Voluntariado Xuvenil.

A Estratexia Xuventude 2010-2013 terá continuidade cunha nova, que contará con preto de 50 obxectivos operativos e máis de 200 medidas. A previsión é que poida estar finalizada e aprobada polo Consello da Xunta antes de Semana Santa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar