543 actuacións de Salvamento Marítimo no 2013

Salvamento Maritimo

Salvamento Marítimo, dende os seus tres centros situados en Galicia (en Fisterra, A Coruña e Vigo), que dependen do Ministerio de Fomento, coordinou o rescate, asistencia ou busca de 1.031 persoas nas 543 actuacións marítimas atendidas en 2013, fronte ás 901 persoas nas 495 actuacións marítimas atendidas en 2012.

   Segundo o balance de Salvamento Marítimo en Galicia, estes datos supoñen un ascenso do 14,4% no número de persoas implicadas nas devanditas intervencións sobre o 2012 e incremento do 9,7 por cento no número de actuacións.

Os tres centros de Salvamento na Comunidade galega atenderon 416 emerxencias relacionadas co salvamento marítimo, 79 con seguridade marítima e 48 coa protección do medio mariño.

O total de buques implicados ascendeu a 354, dos cales 126 corresponderon a emerxencias relacionadas con embarcacións de recreo, 71 a buques mercantes e 134 a pesqueiros. Os 23 casos restantes estiveron relacionados con outros tipos de buques ou artefactos flotantes.

As actuacións nas que non se viron involucrados buques corresponden a asistencias de diferentes tipos a persoas en dificultades, segundo precisa Salvamento, como caídas ao mar, rescate en acantilados e outros.

CENTROS EN GALICIA

Por parte do Centro de Coordinación de Salvamento (CCS) situado en Fisterra realizouse o seguimento de 35.688 buques en 2013, fronte aos 36.544 buques do ano 2012 ao seu paso polo Dispositivo de Separación de Tráfico.

Por outra banda, por parte do Centro na Coruña controláronse 5.357 en 2013 fronte aos 5.692 buques de 2012 nas entradas e saídas de porto; e dende o de Vigo, 7.034 buques en 2013 e 7.160 en 2012.

Segundo os datos de Salvamento, o centro da Coruña atendeu 104 emerxencias con 293 persoas involucradas; o de Vigo coordinou 82 emerxencias con 133 involucrados; e o de Fisterra 357 emerxencias con 605 persoas implicadas.

TOTAL ESPAÑA

En toda España Salvamento Marítimo ten 20 centros de Coordinación de Salvamento, que cobren a zona de salvamento marítimo que a Organización Marítima Internacional asignou ao Estado español. A superficie mariña de salvamento en España é de 1,5 millóns de quilómetros cadrados, o que equivale a tres veces o territorio nacional.

Os 20 centros coordinaron o rescate, asistencia ou busca de 13.090 persoas –unha media de 36 ao día– nas 5.121 actuacións marítimas –14 de media ao día– atendidas en toda España ao longo de 2013.

Estes datos supoñen, segundo resaltou Salvamento, un ascenso sobre o 2012 do un por cento no número de actuacións e do 10 por cento no número de persoas implicadas nas devanditas intervencións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar