Rueda afirma que os cidadáns queren unhas instiutucións más reducidas e eficientes

Alfonso Rueda_Radio Galega O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que os cidadáns queren unhas institucións máis reducidas, que costen menos e sexan igual de eficientes.

Así se expresaba o dirixente popular nunha entrevista que concedeu a Radio Nacional de España, onde asegurou, en alusión á proposta de redución do número de deputados, que o PPdeG cre que unhas institucións máis económicas e eficaces son posibles e por iso se presentou ás eleccións levando dita iniciativa no programa electoral.

Neste senso, Rueda lamentou que aos partidos da oposición lles coste entender que os cidadáns pidan que se reduzan as institucións e estean de acordo, tal e como demostraron nas urnas, con este tipo de medidas. Segundo Rueda, os partidos da oposición téñeno moi fácil se non están de acordo con que se reduza a cifra de deputados, posto que teñen a opción de incluír no seu programa para as próximas eleccións unha proposta para aumentar a cifra de parlamentarios, e comprobar se a sociedade o acepta.

CRISE DO GOBERNO LOCAL DE OURENSE
Por outra banda, Rueda lamentou que os cidadáns de Ourense teñan que asistir ao espectáculo que está dando o goberno local da cidade e que o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, non é quen de controlar.

Con respecto a isto, o secretario xeral dos populares galegos valorou positivamente que o PP de Ourense se ofrecese a co-gobernar co PSOE para capear a crise que está a vivir o executivo da cidade, a cambio de que os servizos públicos poidan ser prestados con normalidade. Para o dirixente popular, o que está pasando en Ourense non é de recibo e, con respecto a isto, criticou que Besteiro se puxese nun principio de perfil ante o tema, alegando que se trata dun asunto local, e agora que se lle acabou a paciencia decida intervir, algo que non aceptan os seus propios compañeiros de filas na cidade.

Por outra banda, Rueda lembrou que quen ten a responsabilidade do goberno local é o PSOE e dubidou que, tal e como está con ese caos interno e co tempo que perde en liortas, sexa capaz de gobernar a cidade.

 ELECCIÓNS EUROPEAS

No relativo á cuestión das eleccións europeas, Rueda afirmou comprender que aos cidadáns lles coste ver estes comicios coa proximidade coa que poden ver unhas eleccións locais, autonómicas e mesmo xerais. Non obstante, insistiu en que son moi importantes xa que en Europa cada vez se ventilan máis cousas que nos inciden directamente. No caso de Galicia, trátase de cuestións tan importantes como o sector primario, o naval e demais temas que inflúen directamente na vida diaria dos galegos.

Polo tanto, os populares insistirán niso para que os cidadáns sexan conscientes da súa relevancia. Ademais, como partido con vocación de goberno tamén queren que o PP goberne en Europa. Polo tanto, hai unha clara intención de gañar as eleccións e por iso pedirán o mesmo esforzo que se fixo en Galicia e en España para as eleccións europeas.

Así mesmo, Rueda subliñou que os populares comezaron a traballar para ditas eleccións polo que consideran máis importante: o programa electoral, onde plasmarán o que queren que se faga se conseguen gobernar as institucións da UE. Segundo o dirixente popular, configurarán propostas que incidirán directamente no día a día de Galicia e que implicarán un futuro para o agro galego, para o sector pesqueiro e para a construción naval, entre outras cousas.

FUSIÓNS DE CONCELLOS

Preguntado por se haberá máis fusións entre concellos galegos, Rueda indicou que aos populares lles gustaría que se desen máis casos. De feito, recoñeceu que hai alcaldes que se interesaron por un asunto que antes era un tema tabú e que a ninguén se lle pasaba pola cabeza.

Con respeto a isto, Rueda admitiu que os populares xa sabían que a primeira fusión ía ser difícil, por novidosa, debido ao recelo de moitos gobernantes municipais que non están dispostos nin a plantexalo e actuaban rexeitando a medida totalmente. Non obstante, amosouse seguro de que o futuro debe ir pola cooperación municipal e indicou que os concellos, sobre todo os pequenos, non poden seguir vivindo de costas os uns aos outros porque corren o risco de acabar desparecendo.

Baixo a opinión do dirixente popular, a fusión voluntaria entre concellos é unha medida que hai que explorar e os populares seguirán apostando por ela. Así, considera que sería unha boa noticia que en 2014 houbese algunha fusión ou mesmo que se avancen negociacións de fusións para que cristalicen aínda que sexa no ano 2015.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar