Baixa a reserva de sangue en Galicia

Donantes de sangue

As reservas dos grupos sanguíneos A+, A-, 0 + e 0- atópanse en niveis baixos en Galicia, segundo os datos facilitados este xoves polo Centro de Transfusión de Galicia (CTG), que recorda a importancia de doar.

O CTG indica que para poder atender as necesidades dos centros sanitarios galegos son necesarias 500 doazóns de sangue cada día, polo que subliña a importancia de acudir a doar de todos os grupos sanguíneos.

Co fin de facilitar a doazón, o próximo luns, día 13 de xaneiro, as unidades móbiles desprazaranse aos municipios coruñeses de Narón –praza da Constitución–, Ordes –detrás do Concello–, Abegondo –aparcamento de Pastos do CIAM– e Cerceda –campo da feira–.

Tamén o luns acudirán unidades á localidade luguesa de Vilalba –parte de abaixo da alameda– e ás ourensanas de Coles –ao lado do centro de saúde– e A Peroxa –xunto ao antigo local da Cruz Vermella–.

Mentres, na provincia de Pontevedra haberá unidades móbiles do CTG en Caldas de Reis –aparcamento da empresa Clavo conxelados S.A.–, Vilagarcía –peirao de Vilaxoán–, Vigo –zona do Calvario– e As Neves –diante do centro cultural e praza–.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar