Descenden un 1,4% os prezos industriais

 

   Os prezos industriais descenderon un 1,4% en Galicia en novembro, en relación ao mesmo mes do ano anterior, mentres que a caída é do 0,7% se a cifra se compara coa de outubro de 2013, de acordo cos datos publicados este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

produccion industrial   En toda España, os prezos industriais baixaron un 0,6% en novembro en taxa interanual, catro décimas por debaixo da rexistrada en outubro (-0,2%), e un 0,9% en relación ao mes anterior.

En Galicia, o maior descenso é nos prezos da enerxía, que se reducen un 2,9% en relación a novembro do ano pasado e un 2,4% respecto a outubro de 2013. No caso dos bens intermedios a caída é de cinco décimas na comparación intermensual, pero do 2,6% respecto a novembro do pasado exercicio.

Os bens de consumo viron reducirse os seus prezos catro décimas respecto a novembro do ano pasado (dentro destes, caen catro décimas os bens de consumo non duradeiro e soben seis décimas os de consumo duradeiro). Por último, os bens de equipo aumentaron un 0,2% respecto a novembro do ano pasado, pero caeron tres décimas en relación a outubro deste ano en Galicia.

En toda España, co retroceso interanual de novembro, os prezos industriais suman dous meses consecutivos á baixa, tras retornar a terreo negativo en outubro despois do tímido avance do 0,1% experimentado en setembro.

Os prezos industriais arrancaron 2013 en positivo e en marzo e abril entraron en taxas interanuais negativas, situación que non se daba dende 2009. Volveron crecer entre maio e xullo, caeron levemente en agosto, subiron lixeiramente en setembro e en outubro entraron de novo en negativo, aínda que cun retroceso interanual moderado.

O descenso interanual de novembro débese ao sector enerxético e aos bens de consumo non duradeiro. En concreto, a enerxía situou a súa taxa anual no -0,1%, máis dun punto inferior á do mes pasado, debido ao descenso dos prezos da produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica e a produción de gas. De feito a taxa anual deste último sector rexistra o seu valor máis baixo dende xuño de 2010.

Pola súa banda, os bens de consumo rexistraron unha taxa anual do 0,3%, dúas décimas inferior á de outubro e a máis baixa dende setembro de 2010. Este comportamento, segundo o INE, é consecuencia da diminución dos prezos do procesado e conservación de carne, elaboración de produtos cárnicos e as artes gráficas e servizos relacionadas con estas.

BAIXADA MENSUAL DO 0,9%

En termos mensuais, os prezos industriais diminuíron en novembro un 0,9%, con descensos do 2,9% na enerxía e do 0,3% nos bens de consumo non duradeiro como consecuencia, respectivamente, do abaratamento da produción de gas e do refino do petróleo, e a fabricación de aceites e o procesado e a conservación de carne.

Tamén os bens intermedios reduciron a súa taxa mensual en novembro, neste caso un 0,1%, pola diminución dos prezos da produción de metais preciosos e doutros metais non férreos e da forxa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar