Beiras asina a entrada en AGE da diputada Iglesias coa oposición de EU

Beiras_xesticulando_PP

O voceiro parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, asinou este mesmo venres a entrada no grupo da deputada Carmen Iglesias, que concorreu de número dous na lista da coalición por Ourense e que accedeu ao seu escano tras a marcha de David Fernández Calviño (Anova).

Confirmárono fontes de AGE, de modo que, malia o rexeitamento manifestado por Esquerda Unida (EU) na reunión do xoves a que a ourensana, aínda militante da organización que tramita a súa expulsión, se integrase.

O expediente sancionador iniciouse porque non aceptou renunciar á súa acta e dar paso á seguinte candidata na lista, Iolanda Pérez Docampo (de Anova), o que permitiría manter o equilibrio dos socios da formación no grupo. Tras as eleccións, EU conseguiu en AGE cinco deputados e Anova, catro.

Non obstante, hai unha semana, Beiras asegurou publicamente que os seus principios éticos lle impedían non autorizar a entrada de Carmen Iglesias no grupo, por concorrer na candidatura da coalición que el lidera.
CHEGADA Á CÁMARA

Carmen Iglesias tomou posesión do seu escano este luns, tras o cal solicitou a súa adscrición ao Grupo Parlamentario de AGE. Ao día seguinte, o martes, acudiu á sede de Esquerda Unida para un acto de conciliación, que finalizou sen acordo, polo que a organización iniciou os trámites para a súa expulsión.

Esta situación a abocaría a manterse como independente no seo do grupo, unha situación sobre a que Carmen Iglesias asegurou que tiña que pensar. En todo caso, e tras o acto de conciliación, advertiu de que se lle “seguían facendo mobbing”, como afirmou que lle “fixeron” o primeiro día no Parlamento, a súa vocación non é de “mártir” e estaría “moi ben” no grupo mixto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar