A Xunta recoñece o traballo de persoas e institucións pola cutura galega

Premios da Cultura Galega

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos Premios da Cultura Galega como un recordatorio de que Galicia posúe un inmenso “Exército pacífico” e un arsenal perfectamente dotado para vencer os novos desafíos que a cultura presenta. “Os creadores, as industrias culturais, son os silvicultores dunha fraga que é patrimonio común. Necesitámolos para que nunca esmoreza”, subliñou, despois de lembrar que ningunha cultura ten un seguro de vida xa que “a historia –dixo- é un cemiterio de culturas que pereceron, levando con elas a esencia de pobos borrados da memoria”.

 

Nesta liña, Feijóo subliñou que os galegos da diáspora o sabían e, por iso, en vez de pensar que aquela cultura súa esta

ba asociada á penosa condición da que saían, nunca renegaron dela. “Os que alá se foron puideron optar por esquecer todo o deixado atrás, e nacer de novo. Pero decidiron seguir sendo o que eran, galegos, e fixérono sen ter entre eles líderes cultivados. Aferráronse á cultura de maneira espontánea, natural, intuíndo que, privados dela, perderían a alma”, aseverou.

Para o presidente da Xunta a historia colectiva e a memoria persoal de cada un deses galegos que fixo un trato eterno cos seus valores é un elocuente desmentido aos que pensen que a cultura é superflua, ou que debe estar relegada a un papel secundario en momentos de dificultade.

UN NOVO REXURDIMENTO

Non en van, afirmou que, hoxe, ese mesmo sentimento reclama unha presenza do noso no mundo globalizado e na era dixital, dous desafíos que, na súa opinión, estanse vencendo porque “temos pobo, terra e fala”, e contamos con algo máis que se pon de relevo nestes premios: “Unha posta en valor do patrimonio, co Museo Castro de Viladonga; un traballo coas correntes máis vangardistas, feito pola Fundación Eugenio Granell; unha paciente recreación das artes escénicas desde o xa afastado 1973, na Mostra de Teatro de Ribadavia; unha incursión decisiva de Bambú Produccións nos territorios audiovisuais; unha defensa da lingua na rede que lle debemos a Punto Gal, e que dará os seus froitos a comezos de 2014 cun dominio netamente galego; un fondo musical a este novo rexurdimento, nas partituras de Juán Durán; unha proxección exterior, posible na Arxentina co Instituto Santiago Apóstol, exemplo de iniciativa, entrega e patriotismo; e unha forza poética que vén da man de Luz Pozo Garza”.

 

 

Feijóo afirmou que neste novo rexurdimento que a cultura galega experimenta, está o esforzo individual dos creadores, a convicción do pobo que os inspira, apoia e reivindica, e tamén políticas que abranguen todas as administracións, sen distinción de etiquetas. “Somos un referente cultural por tervos a vós -dixo en alusión aos premiados- e tamén por contar con innumerables artistas que o son simplemente por sentirse máis auténticos e felices”.

Feijóo concluíu a súa intervención volvendo a esa Galicia que medrou á outra beira do Atlántico porque nesa xesta se demostrou unha enorme capacidade da nosa cultura para a mestura. “Os nosos emigrantes experimentan en si mesmos unha temperá globalización. A cultura que os nosos levan, terá diante de si o dilema de pecharse nun gueto, ou abrise ás influenzas alleas. A nosa emigración non pecha as portas e as fiestras das súas sociedades e centros, senón que as abre de par en par para que se produza unha síntese cultural que hoxe podemos admirar”.

O titular do Goberno galego incidiu en que os galegos da diáspora ensínannos que a nosa cultura non é un reduto que se sinta cercado, senón que pola contra é expansiva, vai sempre na procura de novos horizontes, experimenta, innova, abrangue novos campos, e dialoga en pé de igualdade coas outras.

“Da mesma maneira que a emigración se perpetúa en países e sociedades que semellaban moi diferentes a nós, a cultura da Galicia moderna intérnase nun mundo global que para algúns aparecía como unha ameaza. O reto é análogo, a resposta, a mesma, e a consecuencia igual de frutífera. Galicia está no mundo, e o mundo está en Galicia”, aseverou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar