A Policía autonómica imputa a tres presuntos autores de incendios forestais en Ribeira, Boborás e Vilaboa

Incendio Boborás 4 setembro
Incendio no concello ourensán de Boborás o 4 de setembro.

A Policía Autonómica vén de informar da imputación de tres homes como presuntos autores de outros tantos incendios forestais ocorridos nos concellos de Ribeira (A Coruña), Boborás (Ourense) e Vilaboa (Pontevedra).

Axentes da Xefatura Territorial da Policía Autonómica en Santiago, en colaboración con axentes da Brigada de Investigación de Incendios Forestais do Distrito IV, procederon a imputar a un veciño de Ribeira como presunto autor dun lume forestal ocorrido o pasado martes, día 27, na parroquia de Palmeira. A orixe do incendio foi a queima de restos forestais e lixo doméstico sen adoptar as medidas oportunas, o que fixo que as lapas afectaran a unha superficie de 900 metros cadrados de arborado. Os axentes abriron dilixencias, que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira.

Doutra banda, policías do equipo de investigación de Incendios Forestais da Xefatura Provincial de Ourense, imputaron a un veciño de Leiro como presunto autor dun lume ocorrido o pasado luns, día 25 no termo municipal de Boborás. A orixe do mesmo foi unha queima que non contaba cos permisos pertinentes nin se adoptaron as medidas de seguridade establecidas. As dilixencias abertas foron trasladadas ao Xulgado de Garda do Carballiño.

Por último funcionarios do grupo de investigación de Incendios da Policía Autonómica de Pontevedra, en colaboración con axentes da Brigada de Investigación de Incendios Forestais do Distrito XIX, procederon á imputación dun home como presunto autor dun lume forestal que aconteceu tamén o pasado luns no concello de Vilaboa.

Tratouse do escape dunha queima que non contaba con autorización e na que tampouco se adoptaron as medidas preventivas pertinentes. O incendio afectou a 8.600 metros cadrados de superficie, unha parte dela arborada, e mesmo foi necesaria a intervención do persoal do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia. Os axentes abriron as dilixencias que foron elevadas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Garda de Cangas.

No que vai de ano, un total de 109 persoas foron detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais en Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar