O «Premio Ourensanía», entregado ao franciscano Rodríguez Carballo

Premio Ourensanía
O «Premio Ourensanía» na sua terceira edición entregouse pola Deputación de Ourense a monseñor José Rodríguez Carballo, ministro xeral da Orde Franciscana dos Frades Menores, e recentemente nomeado polo Papa Francisco secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica.

O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen entregou a distinción xunto a Manuel Baltar, presidente da Deputación, para distinguir a aqueles que “encarnan os valores dunha provincia desde a que Galicia, ao longo de toda a súa historia, se ten proxectado como universal”.

Feijóo subliñou que esta provincia “ten escrita moita historia nas súas pedras porque foi xérmolo de cultura e de galeguismo”, berce de escritores, poetas, pintores e artistas que inspiraron o que nos nosos días se deu en chamar ‘espírito de ourensanía’, cuxo significado, ao seu entender, non é outro que “facer unha Galicia de vocación universal”.

“A ourensanía está na ironía e a sátira de Risco, na irreverencia e o inconformismo de Curros Enríquez, na vitalidade de Otero Pedrayo, no intimismo belixerante de Celso Emilio Ferreiro, ou no realismo de Blanco Amor. Está na creatividade de Xaime Quessada e Virxilio Fernández; nas mans de Faílde e nas obras de moitos outros autores como Cuevillas, ‘Xocas’ e tantos máis”, observou Feijóo.

De igual xeito, o mandatario galego considerou que esa condición de ourensanía reside, tamén, no “espírito emprendedor” de empresarios pioneiros como Eduardo Barreiros, ou en Gómez Franqueira como fundador de Coren. E, xa no presente, en deseñadores como Adolfo Domínguez ou Roberto Verino; ademais, na traxectoria do recoñecido grupo Sarabela Teatro, ou mesmo no Festival Internacional de Cine.

«COMPROMISO COA TERRA»

Feijóo asegurou que, con este galardón, Monseñor Carballo “recolle a testemuña desta longa lista de ourensáns que contribuíron a converter a ourensanía nun compromiso coa terra e nunha alianza con Galicia”, e asegurou que, ademais, na súa persoa, como así aprecia o xurado que entrega este recoñecemento, estes valores “adquiren unha dimensión internacional”.

Asegurou, nesta liña, que Ourense é unha provincia “onde sempre se cultivou ese espírito de universalidade que concede a cultura dun país”; unha provincia de interior, dixo, “que mira ao exterior”, con moitos homes e mulleres “que seguen a construír Galicia desde aquí”.

Feijóo agradeceu este comportamento “que, como o río Miño, rexeita diques intransixentes e aproveita todos os afluentes posibles porque é así como se van modelando as nosas identidades. Ser galego en Ourense. Ser ourensán en Galicia. Ser ourensán en España. Ou, no caso do homenaxeado, ser ourensán, galego e español no Vaticano”.

O presidente da Xunta salientou o feito de que a nova responsabilidade do Padre Carballo non fora unha escusa para que esquecera nin a súa ourensanía nin a súa galeguidade. E loubou a súa xenerosidade e a súa permanente disposición a traballar pola súa terra.

Ao fío disto, subliñou que no galeguismo que inspira este Premio de Ourensanía atopamos a Galicia inclusiva á que se refería Monseñor Carballo. “Unha Galicia aberta, que quere facer dos seus cidadáns parte activa da realidade que nos toca vivir. Homes e mulleres comprometidos hoxe nun proxecto compartido que non é outro que sobrepoñernos á crise e afianzar a ponte que nos leva á recuperación”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar