O 83% dos escolares teñen comedor escolar gratuito ou pagan un euro

Vázquez Abad, durante a sua comparecencia na Comisión de Presupostos do Parlamento.
Vázquez Abad, durante a sua comparecencia na Comisión de Presupostos do Parlamento.

A aposta pola política social da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos orzamentos de 2014 permitirán que o 83,1% dos usuarios teñan o comedor escolar gratis ou pagando tan só 1 euro, grazas a unhas contas que consignan no 2014 un 3,3% na partida destinada a este servizo complementario, ao abeiro das que este curso 2013/14 hai xa 9.000 prazas máis para comensais das que había no último curso do Bipartito. Así o explicou esta mañá o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos do seu departamento para o ano 2014, onde fixo fincapé ademais en que se trata do quinto ano consecutivo no que medra a contía destinada a sufragar os comedores escolares “no medio da crise económica máis feroz”.

Segundo explicou Xesús Vázquez, o 77,6% dos usuarios de comedor non pagan nada, porcentaxe que se eleva ao 80,9% na provincia de Ourense, ao 78,8% na de Lugo, ao 78,1% na de Pontevedra, e que é do 74,8% na da Coruña. A nivel Galicia, o 5,5% dos comensais só pagan 1 euro por menú, mentres que un 3,3% pagan 2,5 euros e un 11,7% pagan 4,5 euros. “E todo isto -salientou- asumindo este ano 910 prazas de comedores antes xestionadas polas ANPAS”, grazas ao novo sistema, “máis xusto, onde quen máis ten paga máis”.

Deste xeito o conselleiro garantiu a prestación dos servizos complementarios, conseguindo ademais un gasto máis eficiente no caso do transporte escolar “para que máis de 90.000 escolares cheguen ao centro cada día”.

 

NON HABERÁ DIMINUCIÓN DE DOCENTES
Tal e como xa anunciara, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia confirmou que non haberá diminución de efectivos en persoal docente, e explicou que a baixada das contías do capítulo I responde á utilización de ferramentas de xestión como foi o incremento do horario lectivo dos mestres de 21 a 25 horas, unha decisión que acaba de ser avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Así mesmo Vázquez Abad explicou que as partidas destinadas a gastos de funcionamento dos centros educativos públicos se manterán no 2014 nos mesmos termos, mentres que diminúe en 1,2 millóns de euros a partida destinada aos concertos educativos, dando cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “en termos iguais ao realizado por outros gobernos autonómicos, que tamén optaron por desconcertar as primeiras unidades de entrada do ensino infantil de xeito progresivo”.

Tamén os recursos para o programa de bibliotecas escolares se manteñen en 2014 iguais aos de este ano, “cumprindo o Plan para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe (LÍA), que tantos bos resultados está dando”, indicou.

No que atinxe aos libros de texto, o conselleiro explicou que se vai modernizar o programa de compra de libros de texto, sendo a principal novidade a creación dun novo proxecto de gasto cunha dotación de 1,5 millóns de euros para a adquisición de libros electrónicos en centros Abalar. “Estamos a traballar para actualizar o enfoque desta medida, co obxecto de adaptar a orde de axudas para a adquisición de libros de texto, xa que seguimos convencidos da necesidade de concentrar o apoio ás familias mais desfavorecidas”.

BLINDAR O FINANCIAMENTO UNIVERSITARIO
No referido ao Sistema universitario de Galicia Xesús Vázquez salientou que “mentres que no ano 2005 era un 3,2% o que se investía en universidades sobre o orzamento total da Xunta, no ano próximo será un 4,48%”, cumprindo así o Plan de financiamento 2011-2015. Así, os orzamentos de 2014 blindan unha vez mais coa mesma contía que no 2013 as achegas ás universidades do financiamento estrutural, as subvencións por resultados docentes, as de resultado de investigación e as do financiamento da mellora da calidade do sistema universitario, «sen sufrir nin un euro de axuste». Ademais mantense o apoio aos investimentos derivados dos campus Vida, do Mar, da Auga e o novo Campus Terra conxelando unhas transferencias que xa se tiñan incrementado un 5,5 por cento nos orzamentos do ano corrente.

Ademais o conselleiro reiterou o compromiso do seu departamento cos estudantes universitarios, “ao manter as taxas máis baixas do Estado español, complementando cunha decidida aposta por un sistema de bolsas que non mingua nin un só euro as súas consignacións e que permitirá continuar a convocatoria de bolsas, incluíndo aquelas que permiten alixeirar os requisitos existentes na lexislación estatal”.

Así mesmo resaltou o incremento nun 247% do investimento existente na partida da Secretaría Xeral de Universidade, en case 3,5 millóns, para o financiamento de centros de investigación, en particular dun novo centro de investigación en biomedicina e veterinaria da Fundación Rof Codina no campus universitario de Lugo.

OBRAS NOS CENTROS DE ENSINO
Respecto das contías destinadas a investimentos en obras en centros de ensino, o conselleiro cifrou o descenso nun 18%, pese ao que non renunciou a “seguir abrindo novos centros alí onde a demanda o esixe – como foi este ano o caso do IES Milladoiro-, como tampouco renunciamos a ampliar aqueles nos que a escolarización o precisa”.

Neste sentido indicou que a Consellería está a facer a máis rigorosa xestión dos fondos, con porcentaxes de contratación e de liquidación máis axustados á realidade da programación e da execución de cada actuación.
Entre as actuacións previstas sinalou a construción dun novo CEIP en Oleiros, a continuación das obras do CEIP de Sigüeiro, as ampliacións en Bergantiños, o inicio da construción da EEI de Betanzos, o CEIP Emilia Pardo Bazán, a continuación do CEIP Padre Feijoo en Allariz, e a ampliación do centro de “Sada e seus Contornos”, «cuxo proxecto xa está rematado e a punto de licitarse». Ademais hai presuposto para reformas como a segunda fase da do CEIP Froebel, a do CEIP de Cedeira a ampliación do CEIP de Outeiro de Rei ou «se os terreos prometidos e a modificación urbanística chegan a tempo, o proxecto do CEIP Sagrado Corazón en Lugo». Así mesmo as contas da Consellería contemplan dotacións para o IES de Culleredo, o novo IES de Carral, o inicio do proxecto do IES de Soutomaior, ou a contratación das obras de reforma do CIFP das Mercedes en Lugo, entre outras.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar