Baltar incrementa os presupostos da Deputación de Ourense en máis dun 11%

Orzamentos Deputación para 2014

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe un avance dos orzamentos da institución provincial para 2014, que serán aprobados no pleno do presente mes de novembro. O presuposto será de 73,7 millóns de euros (un 11,14 % máis que no exercicio de 2013, que foi de 66,3 M €), destacando un incremento dun 40 % de recursos propios destinados a investimentos, máis de 14 millóns de euros. Ademais, os concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes (91, todos agás a capital) verán incrementados non 61 % os fondos que achega a Deputación para o Plan de Obras e Servizos; cada un deles recibirá por este concepto 50.000 euros, fronte aos 31.000 euros deste ano.

Outra novidade importante está no apartado de persoal, xa que o gasto neste capítulo descende ata o 37,5 % (27.650.000 €), fronte o 41,75 % do presente exercicio. Dentro do montante previsto para 2014, 7.000.000 € corresponden ás retribucións do persoal de Vías e Obras, polo cal, de non contabilizarse esta partida o gasto de persoal descendería outros dez puntos, ata situarse en pouco máis do 27 % do orzamento total.

«XESTIÓN EFICIENTE»

Manuel Baltar, quen cualificou estes orzamentos como «os da colaboración por unha xestión eficiente e uns servizos de calidade» explicou que as prioridades centrais dos orzamentos de 2014 serán os servizos sociais, o medio ambiente, a cooperación cos concellos e seguir desenvolvendo o Plan de Estratexia Operativa OURENSE 92.

No apartado de servizos sociais implementarase o Plan BenOurense 2014, prestarase o servizo de Teleasistencia Domiciliaria íntegramente con recursos propios, e achegaranse axudas a entidades socio-sanitarias.

Unha das innovacións dos presupostos será o incremento do 100 % das axudas (en concorrencia competitiva) para Deportes, Entidades Sociais e Cultura, que acadarán os 350.000 euros para cada unha destas áreas, e seguiranse incluíndo partidas para Termalismo e Formación, sen renunciar ás achegas para a UNED e a Universidade de Vigo.

NOVA LIÑA DE PRÉSTAMOS AOS CONCELLOS

Asemade, o Plan para Gastos Correntes irá destinado a concellos que acrediten insuficiencia financeira e orzamentaria, e haberá unha nova liña adicional de préstamos públicos para aqueles concellos que teñan delegada a recadación e garantan debidamente a devolución. Tamén se implementa unha nova liña de axudas a mancomunidades, e para desenvolver os programas enmarcados na área de Medio Ambiente destinarase unha cantidade que ascende a 3.200.000 euros.

Outro notable incremento destaca no Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) cuxo orzamento sobe un 40 % respecto do presente exercicio (pasa de 1.000.000 € en 2013 a 1.400.000 € en 2014). Este ente xestionará ademais axudas para consellos reguladores e ten entre as súas previsións a posta en marcha dun Plan de Emprendedores.

Manuel Baltar –quen o vindeiro día 7 comparece diante da Comisión de Economía do Parlamento para falar dos orzamentos- lembrou que en 2014 a Deputación de Ourense aplicará a recentemente aprobada Ordenanza xeral de Subvencións, única nas súas características, e seguirá potenciando a colaboración con outras administracións: Xunta de Galicia, Fegamp, concellos e Goberno do Estado no que atinxe aos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), o Consorcio de Bombeiros e a Administración Electrónica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar