Miranda saúda aos 135 galegos do exterior acollidos no programa «Reencontros na Terra»

Miranda_benvida a emigrantes

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu este mércores a recepción oficial aos 135 emigrantes galegos participantes no programa ‘Reencontros na Terra’ para darlles a benvida á súa «botada de menos» Galicia.

No acto, celebrado no Museo do Pobo Galego, tomou a palabra Carmen Montero como representante dos emigrantes participantes no programa. No seu discurso, Montero mostrouse «agradecida» e «feliz» de volver á súa «botada de menos e querida terra».

«Todos nos fomos coa esperanza de atopar ago mellor, pero coa idea de volver á casa», explicou Carmen Montero, quen, non obstante, recordou que os «lazos familiares» establecidos no seu país de destino lles impediron regresar a Galicia.

Non obstante, Carmen Montero afirmou que os emigrantes teñen sempre a Galicia no seu recordo e agradeceu á Xunta a posibilidade de regresar á comunidade e «reatoparse» con familia e lugares.

Pola súa banda, Antonio Rodríguez Miranda deu a «benvida» aos participantes «en nome de Galicia e dos galegos» e agradeceulles o seu «esforzo» por «manter sempre os lazos» coa Comunidade.

Paralelamente, agradeceulles o traballo realizado para «favorecer o desenvolvemento de Galicia» dende os seus países de residencia e desexoulles unha boa estanza. «Galicia é hoxe, a pesar das dificultades, un faro de luz. Isto débevos encher de orgullo», sentenciou o secretario xeral de Emigración, que confiou en que gocen dunha Galicia «actual e moderna».

REENCONTROS NA TERRA

O programa ‘Reencontros na terra’ ten por obxecto favorecer o achegamento á súa terra dos emigrantes galegos de máis de 65 anos de idade. Nesta edición participan un total de 135 persoas procedentes de Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, Cuba e Paraguai.

Aínda que todos os participantes superan os 65 anos, a idade media dos participantes este ano aproxímase aos 77 anos. Así mesmo, destaca un participante de 93 anos.

Preto do 40 por cento dos participantes naceron na provincia de A Coruña, o 30 por cento en Pontevedra e o 30 por cento restante entre Lugo e Ourense. Sobresaen como municipios nos que naceron máis participantes Ponteceso e Vimianzo, en A Coruña; A Fonsagrada e Becerreá, en Lugo; Ribadavia e Toén, en Ourense; e Vigo e Silleda, en Pontevedra.

O programa desenvólvese ao longo de tres meses con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estanza de dúas semanas na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en réxime de pensión completa e desenvolvendo distintas actividades. A segunda fase consiste nunha estanza cos seus familiares de Galicia, cos que poden completar un tempo máximo de tres meses.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar