O PP de Galicia agarda “un cambio de rumbo” con Besteiro

Os populares galegos afirmaron hoxe que “esperamos que a elección de Besteiro como secretario xeral do PSOE supoña un cambio de rumbo no xeito de facer oposición” algo que é “moi necesario para ese partido e para Galicia”.
Do mesmo xeito, os populares transmitiron as súas “felicitacións” ao recén elixido secretario xeral e lembraron que “Galicia merece unha oposición construtiva que aporte ideas, solucións aos problemas e unha lealdade institucional mínima que constitúa un marco no que se poidan acadar acordos beneficiosos para a sociedade”.
Así, afirmaron que “ogallá Besteiro teña tomado nota dos resultados obtidos nos sucesivos comicios polo PSdeG seguindo as receitas do seu anterior número un”. A este respecto salientaron que “o PSdeG debe ser útil para Galicia, do mesmo xeito que o PSOE debe ser útil para España”.
Nesta liña aseveraron que “vivimos tempos nos que necesitamos sumar e construír, posto que xa abondou de restar”. Por último, dixeron “desexarlle o mellor á persoa nestas novas funcións e ofrecerlle o diálogo do PPdeG ao líder político”.
O presidente Feijoo intentou felicitar hoxe ao novo secretario xeral do PsdeG-PSOE “para trasladarlle unha felicitación expresa e formal do PPdeG” pero éste trasladou a súa intención de non atender a chamada do presidente ata última hora da tarde de hoxe, polo que reiterará a súa chamada ao longo da tarde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar