30 anos do Consello da Cultura manteñen a Galicia “libre e viva”

Feijóo_Consello da Cultura_2

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que grazas á súa cultura Galicia “é libre e está viva” e amosou o seu convencemento de que co seu apoio sairá tamén da crise. “Galicia está viva e, en ningún caso, menos que nos seus mellores tempos. Galicia hoxe é dona de seu; ten blindado o seu autogoberno; e Galicia sairá [da crise] e para saír necesita a cultura”, aseverou, logo de salientar que a cultura na comunidade galega é sinónimo, entre outras institucións e dunha forma moi destacada, “do Consello da Cultura Galega”.

“A cultura fainos inmortais e fainos tamén libres. A cultura é liberdade e a liberdade resulta incompleta sen cultura”, incidiu Feijóo, destacando a obriga de amplificada e facela chegar ao futuro.

“A cultura axudounos a resistir nos momentos en que esa liberdade agonizaba. Foi a cultura ese facho aceso que nos permitiu soñar con novos horizontes, o salvavidas que impediu que a esperanza esmorecera”, engadiu.

Ao fío disto, Feijóo subliñou que a celebración da conmemoración do XXX aniversario do Consello da Cultura Galega supón “certificar o éxito de todos aqueles que hai trinta ou trescentos anos creron que Galicia era posible, que Galicia non sería un breve paréntese nesa historia de mundo que tan ben describe o presidente Ramón Villares nos seus traballos”.

Ao longo deste acto, o presidente do executivo galego precisou que esa cultura que foi oral e logo escrita, ten agora un desafío coas novas tecnoloxías que está gañando de novo, “en boa medida –resaltou- polo traballo inmenso desta institución que non soamente cultiva, senón que sementa”. “Foron trinta anos frutíferos nos que Galicia cambiou, nos que a cultura adquiriu novas facetas e ferramentas, e nos que o Consello soubo abrir de par en par as súas portas ao país”, engadiu.

Feijóo referiuse, tamén, a unha das iniciativas máis celebradas da institucións: o establecemento dos chamados roteiros da cultura. “Grazas a estes camiños, sabemos que somos unha terra que é cultura, e que esa cultura é recollida, cultivada, enriquecida polos seus mellores fillos. Rosalía na comarca de Santiago. Curros en Celanova, nas terras ourensás e nesa Coruña que o ampara nos momentos aciagos. Uxío Novoneyra nun Courel que se entende mellor desde que el o cantara. Castelao na Barbanza que o ‘contaxia’ unha galeguidade serea e amable. Cunqueiro nas terras de Miranda, etapa das súas andainas polo mundo máxico que el rescata da néboa”.

O titular da Xunta destacou que non hai recuncho do noso país que non sexa percorrido por estes itinerarios e afirmou, amais, que os roteiros están a sinalar unha característica singular do noso ser cultural: “Refírome –explicou- á identidade profunda entre esa cultura espontánea que nace no pobo e co pobo, e a cultura elaborada feita arte, literatura ou música. Non existe unha fronteira definida que separe a unha da outra”.

Neste sentido, lembrou que se Rosalía, Curros, Novoneyra, Castelao ou Cunqueiro son nosos, débese a que souberon destilar o que nós fomos para facelo inmortal. “A figura do pensador ensimismado, huraño, illado no seu mundo, resúltanos estraña, e somos abondosos, en cambio, en persoeiros que camiñan, que falan, que escoitan”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar